Goretti Sanmartín: “A pobreza é silenciosa, tócalle ao Concello de Santiago localizala e crear un plan municipal para combatela”

Goretti Sanmartín: “A pobreza é silenciosa, tócalle ao Concello de Santiago localizala e crear un plan municipal para combatela”
Goretti Sanmartín: “A pobreza é silenciosa, tócalle ao Concello de Santiago localizala e crear un plan municipal para combatela”

En Santiago había 16.000 persoas en risco de pobreza antes da chegada da pandemia do coronavirus 

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclamou un plan municipal contra a pobreza ante a necesidade de recursos básicos que aflorou durante a pandemia do coronavirus. “Cómpre anticiparse á crise que pode vir pola perda de postos de traballo, que incrementarán as 16.000 persoas en risco de pobreza e as 3.000 con dificultades para chegar a fin de mes, segundo os datos rexistrados polo IGE antes da chegada do COVID-19”, afirmou.

“A pobreza xa estaba entre nós e o Goberno local non debía estrañarse da cantidade de axudas que está pedindo a xente porque en realidade só se atende ao 20-25% das persoas afectadas”, sinalou Goretti Sanmartín. “Como a pobreza é silenciosa, tócalle a Concello de Santiago localizala e crear un plan municipal para combatela, co obxectivo de contribuír a mellorar as condicións de vida da veciñanza”, engadiu.

Segundo os datos Instituto Galego de Estatística (IGE) referidos á enquisa estrutural a fogares, publicados en decembro de 2019, en Santiago a taxa de risco de pobreza estaba en 14,2% en 2018 cando se situaba en 6,89% en 2010, “o que representa un empeoramento das condicións de vida nos últimos anos de moitas persoas que residen en Santiago de Compostela”, explicou Goretti Sanmartín.

Segundo a metodoloxía de cálculo da taxa de risco de pobreza e exclusión social correspondente á Estratexia Europa 2020, era de 16,84% en 2018 en Santiago de Compostela. Neste sistema entran os fogares co 60% da mediana dos ingresos por unidade de consumo, en carencia material severa e as persoas até 59 anos en fogares sen ingresos ou con baixa intensidade de ingresos de traballo.

Porén, en Santiago de Compostela 3.060 persoas acolléronse ao tícket especial de compra para produtos de alimentación e hixiene, xunto con 380 que reciben paquetes de alimentos, 240 menús diarios de comedor escolar e 330 persoas que dispoñen do servizo de axuda no fogar, entre outra atención social que se ofrece desde a administración local. “Pese a que estes datos son alarmantes, tan só representan o 20% das persoas que precisan estas axudas básicas, polo que cómpre destinar máis recursos para detectar e cubrir as necesidades de alimentación”, explicou.

Ademais, advertiu de que estes servizos terán que continuar cando remate o Estado de Alarma decretado polo coronavirus que obrigou ao peche de numerosos estabelecementos e a acollerse a expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) a moitas empresas, o que provocou que milleiros de persoas aínda non cobrasen as prestacións económicas que lles corresponden ante a falta de celeridade da súa tramitación por parte da Xunta e do Estado.

Ademais, o IGE revela que hai 9.240 fogares onde só entran recursos económicos mediante o cobro dalgunha prestación, que supón o 23,56% das vivendas compostelás, unha cifra moi elevada que revela a necesidade de políticas de inserción laboral que deben ser postas en marcha desde o Concello en coordinación co Goberno da Xunta para impulsar a produtividade e a economía local.

Comentarios