Concello e GTraM Val de Barcala cancelan o CMP Trail da Baña pola pandemia da COVID-19

Concello e GTraM Val de Barcala cancelan o CMP Trail da Baña pola pandemia da COVID-19
Concello e GTraM Val de Barcala cancelan o CMP Trail da Baña pola pandemia da COVID-19

A organización suspende a proba prevista para outubro para evitar riscos sanitarios

O CMP Trail da Baña, previsto para outubro, non se vai celebrar este ano. O Concello e GTraM Val de Barcala, organizadores da proba, decidiron cancelar a cuarta edición para non poñer en perigo a saúde de atletas, voluntarios e patrocinadores ante a situación que estamos a vivir provocada pola pandemia da COVID-19. A organización tomou esta decisión despois de reflexionar e manter varias reunións virtuais.

Ante a  situación sanitaria, despois de case dous meses de confinamento, a organización entende que, aínda que dolorosa, esta é a mellor decisión para non poñer en risco a ningunha das persoas participantes nin dos estamentos que inflúen no CMP Trail da Baña.

Aínda que ata o mes de outubro falta tempo, a organización recoñece que durante o desenvolvemento da proba en case ningún momento pode garantir as normas máis básicas de distancia entre participantes nin evitar aglomeracións para protexer e velar pola saúde dos corredores e corredoras.

A organización agradece o esforzo dos patrocinadores do CMP Trail e manifesta o seu máis profundo respecto pola situación que están a pasar, moitos deles cos negocios paralizados dende hai case dous meses. Tamén recoñece o traballo e a importante labor que fan as persoas voluntarias que colaboran co CMP Trail.

Comentarios