Noia envía por Correos máis de 11.000 máscaras de protección para aos veciños e veciñas do municipio

Noia envía por Correos máis de 11.000 máscaras de protección para aos veciños e veciñas do municipio
Noia envía por Correos máis de 11.000 máscaras de protección para aos veciños e veciñas do municipio

Súmanse ás que se están a entregar nas farmacias a maiores de 65 anos e grupos de risco e ás que forman parte do “kit de arranque” para o comercio e a hostalería

O Concello de Noia está a enviar esta semana máis de 11.000 máscaras de protección aos domicilios dos veciños e veciñas do municipio. Así, persoal municipal entregou onte mércores en Correos a segunda remesa de envío, composta por 2.030 sobres, que se suma aos 3.550 achegados a principios da semana. “En total, entregamos máis de 11.000 máscaras en Correos para repartir aos domicilios de Noia e nos próximos días reforzaremos ese reparto con novas entregas”, explica o alcalde, Santiago Freire Abeijón, quen adianta que “entre estes envíos, as entregadas a maiores de 65 e grupos de risco e ao sector comercial, ao final estaremos entregando máis de 22.000 máscaras”.

Durante a última semana, persoal municipal, voluntarios e voluntarias e xente da Cruz Vermella de Noia estiveron ensobrando todo o material, adquirido polo Concello de Noia e que está a chegar xa estes días aos domicilios dos veciños e veciñas, comezando polos residentes fóra do casco urbano.

Maiores e comercio

Estes envíos por Correos súmanse ás 6.000 máscaras de protección contra o coronavirus COVID-19 repartidas de xeito gratuíto entre os veciños e veciñas maiores de 65 anos e persoas pertencentes a grupos de risco, 4.200 achegadas polo Concello e outras 1.800 pola Deputación. Un material ao que haberá que sumar as máscaras faciais que a Xunta de Galicia achegará a partir de mañá venres a través das farmacias para persoas que non teñen achega económica na prestación farmacéutica e pensionistas con límite de contribución mensual de 8,23 euros.

Así mesmo, dende o pasado venres o Concello de Noia está a subministrar a todos os establecementos comerciais e hostaleiros que o soliciten un “kit de arranque” para colaborar no proceso de reapertura previsto nas fases 0 e 1 do Plan para a transición cara unha nova normalidade aprobado polo Goberno de España. Un kit composto por, como mínimo, dúas pantallas protectoras, dúas máscaras FFP2 e unha garrafa de 5 litros de solución hidroalcohólica.

Os únicos establecementos excluídos desta iniciativa son as grandes empresas, establecementos que teñan o carácter de centro ou parque comercial e aqueles negocios que non pecharan durante a corentena (xa que a estes últimos xa se lles estivo achegando material de protección durante as pasadas semanas).

As solicitudes poden presentarse telematicamente, a través da sede electrónica, ou de forma presencial no Rexistro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O prazo de solicitude péchase mañá venres 8 de maio, para os locais que teñen previsto abrir o luns 11 de maio, e o 18 de maio para aqueles establecementos que, aínda que poidan abrir o próximo luns, decidan non facelo.

Comentarios
Lo más