Os centros socioculturais propoñen cinco accións culturais dende a casa para celebrar as Letras Galegas

Os centros socioculturais propoñen cinco accións culturais dende a casa para celebrar as Letras Galegas
Os centros socioculturais propoñen cinco accións culturais dende a casa para celebrar as Letras Galegas

As Letras na casa e o título da proposta coa que a Rede de Centros Socioculturais quere celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero. Do mércores ao domingo, as familias poderán desfrutar de cinco accións culturais online elaboradas especificamente para estas datas, accesibles a través da canle en YouTube do Concello de Santiago e da propia web municipal. 

O programa contempla cinco pequenas accións culturais diferentes da man de contadoras, poetas, contacontos, actrices e músicos. Son microactividades culturais que achegan dende as súas respectivas casas e que a Rede de Centros Socioculturais traslada a través de streaming en directo ou de gravacións. A súa duración non chega aos 15 minutos e os autores e autoras tiveron total liberdade para a súa creación.

As cinco propostas, dirixidas a un público familiar, estarán dispoñibles do mércores 13 ao domingo 17 ás 20:00 horas. Logo quedarán na canle municipal en YouTube para poder ser visionadas en calquera outro momento.

Paula Carballeira
A primeira proposta é a de Paula Carballeira, mañá mércores 13 de maio, ás 20:00 horas. Esta contadora afincada en Compostela é ademais actriz, directora de teatro e escritora. Conta cunha ampla traxectoria no mundo da literatura infantil e xuvenil, no que ten publicado máis de 20 libros con tradución a máis de oito linguas. Gañou en dúas ocasións o premio Manuel María de Texto de Teatro Infantil e foi finalista do premio convocado por ASSITEJ-España. Dirixiu espectáculos destinados a este tipo de público tanto para a súa compañía, Berrobambán, como para outras compañías como Talía (PequenaRosa Caramelo) ou para o Centro Dramático Galego (A Cabana de Babaiagá).

Especialmente coñecida como contadora de contos en circuítos nacionais e internacionais e como actriz en series de televisión como Pepe o Inglés ou Libro de familia. Coa súa proposta, Paula Carballeira quere transmitir a esencia da narración oral dende a distancia, deixando as familias cativadas polo conto.

Polo Correo do Vento
O xoves 14 de maio, tamén ás 20:00 horas, da man de Polo Correo do Vento, teremos a posibilidade de achegarnos á figura de Carvalho Calero a través dunha proposta de contacontos ilustrado da man de Carlos Taboada e Enrique Mauricio. Polo Correo do Vento é un colectivo especializado en actividades pensadas para o público máis novo co fin de promover a lectura, a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e expresión artística das nenas e nenos. Enrique Mauricio conta unha historia de xeito oral, mentres Carlos Taboada ilustra a historia. Ao final, daranse as claves para deseñar a Carvalho Calero, paso a paso.

María Lado
O venres 15 de maio temos unha quedada coa voz poética de María Lado, poeta, escritora, actriz, guionista e directora teatral. Dende os seus comezos na poesía co Batallón Literario da Costa da Morte, como poeta ten publicado seis libros individuais: A primeira visiónCasa Atlántica, Casa CabaretBerlínNoveAmantes e Oso, mamá, si?, escollido como mellor libro de poesía na I Gala do Libro Galego. Tamén é autora do conto para nenos Porque Cuqui non quere ir á lavadora, da novela para público xuvenil Entre os dous hai un río e do libro de poemas para crianzas 5 minutos. Conta con numerosas colaboracións en volumes colectivos de diversa índole e antoloxías, e os seus textos foron traducidos e publicados para antoloxías ao castelán, portugués, catalán, ruso, croata e irlandés. Outros aparecen en discos como o CD Pensando nelas, editado pola Universidade do País Vasco e o Centro de Estudos Galegos; o primeiro disco de Igmig, Shaishakarraskaishe; ou nos documentais Redeiras (X. H. Ribadulla Corcón) e Tecendo o fío da memoria (María Reimóndez).

Tamén traballou como guionista da radionovela Novembro, que foi parte da obra da artista Julia Montilla para o Proxecto Edición e que emitiu na Radio Galega no 2006, e realizou a adaptación e dirección das versións teatrais dos contos As manoplas da carapuchiñaOs seis barbudosA pota que trotaA guerra dos númerosAs peripecias de Extravaganzza PérezEscaquis e Romeu e A ovella Engracia. A súa proposta de poesía para rapazada e familias xoga coa creación das palabras e os versos e a realización de poemas.

Vero Rilo
O sábado 16 de maio é a quenda de Vero Rilo, contacontos, educadora e actriz. Ten unha longa e consolidada traxectoria como contacontos. Educadora na Escola Semente, cursou estudos de iniciación ao teatro da man de Carlos Neira e outros específicos de contadora con Charo Pita e Tim Bowley. Á fronte de Daboapipa moveu, cun formato que combina música e conto, diversos espectáculos para público adulto e infantil por toda Galicia e mesmo alén do Miño.

A proposta de Vero, parte de historias ou de contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro ou que parten dalgún lugar da súa creación para formar parte da narración oral. Proposta de contacontos para crianzas e familias.

Magín Blanco
O domingo 17 de maio, tamén ás 20:00 horas, Magín Blanco e a Banda das Apertas estarán en streamig coa súa proposta para o Día das Letras Galegas. Magín Blanco é músico e cantante procedente da música pop e que leva máis dunha década achegando unha proposta musical fresca e esixente para os/as máis pequenos/as. A nena e o grilo no país das apertasA nena e o grilo nun barquiñoGatuxo ou Camiños son algúns dos títulos das obras que este músico foi propoñendo para un público infantil. Ademais ten participado noutros proxectos musicais como María Fumaça ou Rosalía Pequeniña. A súa proposta ten músicas que van dende o pop, rock, reggae á bossa nova e que falan de viaxes por singulares aventuras nas que a imaxinación, a ilusión e a creatividade van da man para sermos un pouco máis felices. 
Comentarios
Lo más