O comercio de Santiago denuncia que se prohíban as rebaixas en tendas físicas e non en Internet

O comercio de Santiago denuncia que se prohíban as rebaixas en tendas físicas e non en Internet
O comercio de Santiago denuncia que se prohíban as rebaixas en tendas físicas e non en Internet

Para Santiago Centro as rebaixas, caso de se teren que levar a cabo, non teñen por que influír no respecto ás normas de seguridade e hixiene

Santiago Centro, Área Comercial, considera que a orde do Goberno prohibindo as rebaixas físicas pero permitíndoas online pode chegar significar "o tiro de graza para un sector tremendamente afectado pola crise da Covid‐19", en palabras do seu presidente, Chema Fernández. Con esta medida favorécese unicamente ás grandes marcas e distribuidoras de produtos por Internet, que agora contarán coa vantaxe engadida de seren os únicos con descontos mentres os establecementos tradicionais retallistas se ven na obriga de manter os prezos.

A medida publicada no BOE xustifícase na prevención de aglomeracións e de contaxios. Pero a xuízo de Santiago Centro as rebaixas, caso de se teren que levar a cabo, non teñen por que influír no respecto ás normas de seguridade e hixiene. “Estamos aplicando rigorosamente as normas de ocupación en función dos metros, contamos con todos os materiais de protección necesarios, e somos os primeiros absolutamente concienciados coa pandemia e interesados en coidarnos a nós mesmos e aos nosos clientes”.

Os establecementos están abrindo tras acometer as reformas necesarias para acomodarse á nova situación, que resultarían inútiles se se remata por incentivar a compra por Internet. Para Santiago Centro, afirmar que existe perigo de aglomeración nos pequenos comercios nestes momentos é descoñecer completamente o mercado e a situación. “O consumo está completamente retraído”, afirman, “co agravante de que durante as semanas de confinamento houbo moitas familias que se incorporaron por primeira vez á compra por Internet. Recuperar ese público resulta agora vital para o comercio, pero con este tipo de medidas non vai haber moita opción”.

Ningún comercio retallista quere abrir as súas portas con rebaixas tras semanas de inactividade, afírmase, pero a prohibición amosa un fondo descoñecemento do sector comercial retallista e dos seus ciclos anuais. “Unha cousa é regular as rebaixas e non permitilas para ninguén ata o mes de agosto, como se reclamaba desde o sector, e outra é prohibilas para o comercio tradicional e ao tempo fomentalas na rede”. O pequeno comercio estaba xa inmerso nunha crise continua antes da pandemia, e reducir deste xeito a súa competitividade pode ser determinante para a supervivencia de moitos pequenos establecementos, sen liquidez para facer fronte aos gastos nin ás compras, e sen posibilidade de levar a cabo accións que faciliten as vendas e a liquidación de stock de tempadas anteriores. “Non é xa que non poidamos competir en prezo coa venda online; é que agora mesmo nos impiden competir", di Fernández.

Comentarios
Lo más