A biblioteca municipal de Brión reabre as súas portas para os servizos de préstamo e información bibliográfica

A biblioteca municipal de Brión reabre as súas portas para os servizos de préstamo e información bibliográfica
A biblioteca municipal de Brión reabre as súas portas para os servizos de préstamo e información bibliográfica

Durante a Fase 1 non estará permitido o acceso e libre circulación polas salas do centro (infantil, estudo e Internet)

A biblioteca municipal de Brión reabriu as súas portas ao público en horario de 9:00 a 13:00 horas, de luns a venres, e con certas limitacións e protocolos de funcionamento que se irán actualizando segundo evolucione a situación sanitaria. Así, durante a Fase 1 do desconfinamento prestaranse os servizos de devolución de materiais prestados, préstamo a domicilio e información bibliográfica e bibliotecaria.

O sistema de préstamo a domicilio realizarase baixo demanda e con cita previa, mediante solicitude por teléfono ou e-mail dos libros ou outros materiais que se precisen retirar. A devolución dos materiais prestados faranse a través dunha caixa habilitada para tal función no recibidor da biblioteca e pasarán un período de 14 días de corentena antes de volver a estar dispoñibles para outras persoas usuarias. O servizo de información bibliográfica e bibliotecaria prestarase, preferentemente a través de teléfono ou correo electrónico.

Durante a Fase 1 non haberá actividades culturais nas salas e non estará permitida a libre circulación polas mesmas. É dicir, non se poderá acceder á sala infantil, ás salas de consulta e estudo, nin ao servizo de acceso a Internet. Tampouco se permitirá o acceso directo ao material, que só poderán ser retirados e entregados polo persoal da biblioteca.

Para acceder á biblioteca haberá que cumprir as normas de distanciamento social e a entrada nas instalacións farase de xeito individual, se ben as crianzas menores de 14 anos deberán estar acompañadas por un adulto. Recoméndase acudir con máscara de protección, se ben non é obrigatorio, e todos os usuarios deberán desinfectar as mans con xel hidroalcohólico antes de entrar, estando dispoñible un dispensador na entrada das intalacións.

Durante os últimos días, o Concello de Brión procedeu á limpeza das instalacións e todos os materiais e equipamentos pasaron por un período de corentena. Despois de cada visita, desinfectarase o mostrador de atención ao público.

Comentarios
Lo más