Reclaman medidas de promoción do comercio local

Reclaman medidas de promoción do comercio local
Reclaman medidas de promoción do comercio local

O BNG de Santiago mantivo un encontro con representantes do sector do comercio para contrastar as propostas para a reactivación económica, as medidas de seguranza e a experiencia destes primeiros días de apertura de estabelecementos durante o Estado de Alarma derivado da pandemia do coronavirus.

Así, Goretti Sanmartín reclama que o Goberno local inclúa medidas de promoción, conciliación e animación de rúas para a dinamización do comercio de proximidade, ademais de animar a tomar conciencia por parte da veciñanza de que estas compras favorecen a economía local.

Nesta xuntanza participaron Goretti Sanmartín, Navia Rivas e o deputado Xosé Luís Rivas “Mini” por parte do BNG, xunto con Delmiro Prieto, de Santiago Centro; Rosa Cardeso e José Carballo, secretaria e vicepresidente da Cámara de Comercio; José Ángel Blanco, de Compostela Monumental; José Antonio Seijas e Vanessa Alvite, de Comercio Punto Compostela; e Ángeles Buján, comerciante na Cidade histórica.

Goretti Sanmartín explicou que “é preciso adoptar medidas que apoien e acompañen o comercio de proximidade e os mercados locais no proceso de desconfinamento para favorecer a súa adaptación ás normas de seguranza con campañas públicas de apoio ao comercio de proximidade, os mercados locais e os produtos galegos”.

Por parte dos comerciantes, expresaron a necesidade de elaborar protocolos hixiénico-sanitarios claros adaptados ás distintas tipoloxías de estabelecementos. Neste sentido, o BNG reclamará tamén liñas de axudas para o acompañamento económico do comercio de proximidade na adopción das medidas de seguridade esixidas, para manter a distancia social, mamparas e equipos de protección, entre outras. Aposta tamén pola colaboración, por parte do Concello, nos labores de desinfección das vías e beirarrúas próximas a zonas comerciais.

O BNG estima necesaria a reforma da lexislación estatal para garantir o dereito de Galiza a decidir sobre os horarios de apertura, entre outras cuestións, e a elaboración, en diálogo co sector, dunha nova Lei galega de comercio. En canto ás rebaixas, demándase o adiamento para o ano 2020 e nova regularización a partir de 2021 consensuada co comercio de proximidade.

Para poder desenvolver este plan de reactivación económica, o BNG insistiu en que urxe que o Estado elimine o teito de gasto e permita utilizar o superávit para axudar, a través das axudas correspondentes, a que non pechen máis comercios na nosa cidade. Ademais, o BNG xa solicitou que se condone o pagamento do servizo de recollida do lixo, igual que o de ocupación da vía pública, durante o tempo que van estiveron pechados os locais comerciais. “Entendemos insuficiente a eliminación da parte variábel e xulgamos que se debería atender esta demanda do sector reducindo a 0 o recibo durante o tempo do peche obrigatorio”, explicou Goretti Sanmartín.

Defende tamén o estabelecemento dunha liña de axuda para comerciantes que non queiran optar pola vía do préstamo, de tal maneira que se prestaría unha outra posibilidade de axudas directas, quer para gastos diversos, quer para realizar actividades de dinamización cultural e conciliación, para as que mesmo poderían agruparse varios comercios. Desta maneira a axuda serviría para dous sectores: o comercial e o cultural, un sector tamén especialmente castigado pola crise e que precisa comezar a traballar xa en actuación de formato pequeno dada a imposibilidade de ir ao formato de grandes eventos.

Para o BNG, é necesaria a inclusión dun “fondo de continxencia para o rescate de comercios que reiniciasen súa actividade e se visen obrigados a pechar de novo por un novo contaxio” e a dotación dunha liña de axudas” para apertura de novos comercios ou instalacións, tendo en conta que pode haber persoas emprendedoras que reorienten o seu negocio polo contexto actual ou que procuren outros emprazamentos con condicións económicas que faciliten a súa continuidade”.

Comentarios
Lo más