Xeógrafos realizarán unha cartografía de risco da COVID-19 nos espazos urbanos e rurais de Galicia

Xeógrafos realizarán unha cartografía de risco da COVID-19 nos espazos urbanos e rurais de Galicia
Xeógrafos realizarán unha cartografía de risco da COVID-19 nos espazos urbanos e rurais de Galicia

O convenio de colaboración firmado con GAIN e que ascende a máis de 71.000 euros permitirá analizar o comportamento espacial de propagación do virus, baixo a coordinación do profesor da USC Ángel Miramontes

Unha cartografía de risco coordinada polo profesor da USC Ángel Miramontes permitirá coñecer onde se localizan os principais focos de contaxio pola COVID-19, con que factores territoriais están relacionados e cales son os espazos de actuación chave para frear a súa propagación. O convenio de colaboración asinado este xoves coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), por importe de 71.174 euros, favorecerá a análise do comportamento espacial de propagación da COVID-19 en Galicia.

O labor de apoio científico e técnico concretarase na elaboración dunha cartografía da localización espacial dos afectados nas cidades galegas. "Este mapa actualizable permitirá realizar un diagnóstico sobre o comportamento espacial do contaxio, e á súa vez, seleccionar os espazos máis necesitados de aplicar medidas anti-propagación", explica o profesor Miramontes. Seguindo a mesma metodoloxía, realizarase a cartografía correspondente ás cabeceiras comarcais e entidades de poboación das áreas rurais.

A memoria técnica do proxecto titulado 'Xeración de cartografía de risco da COVID-19 nos espazos urbanos e rurais de Galicia' foi realizada polo profesor Miramontes e contou coa colaboración do catedrático de Xeografía da USC e coordinador do grupo de investigación de Análise Territorial (ANTE), Rubén C. Lois González. Asemade, para o seu desenvolvemento, no equipo investigador integráronse expertos en Xeografía da Saúde doutras universidades españolas.

Esta cartografía é un dos oito proxectos concedidos por GAIN no marco da convocatoria que publicou a finais de marzo para impulsar actividades de I+D+i que podan ser transferibles ao sector da saúde, comercio ou industria, ante a situación de emerxencia derivada da evolución da pandemia do coronavirus. A esta convocatoria concorreron 160 propostas.

Comentarios