Rosa Montero abrirá este venres na USC o ciclo en liña 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia'

Rosa Montero abrirá este venres na USC o ciclo en liña 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia'
Rosa Montero abrirá este venres na USC o ciclo en liña 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia'

O encontro, moderado polo profesor José Edelstein, poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)

Co gallo do confinamento que limitou ou eliminou as posibilidades de celebrar encontros divulgativos e culturais presenciais, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC e a Xunta de Galicia pon en marcha un ciclo de diálogos virtuais entre o seu persoal investigador e figuras do ámbito cultural.

Baixo o título 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia', este proxecto traerá nos próximos meses a figuras coas que exploraremos as interseccións entre a física, a ciencia e a cultura, así como outras reflexións cun enfoque interdisciplinar. A escritora e xornalista Rosa Montero será este venres 15 de maio, ás 20.00 horas, a primeira entrevistada que participará nesta iniciativa. A través da canle de Youtube do IGFAE, o público poderá seguir e participar neste diálogo en directo dirixido polo profesor da USC José Edelstein.

'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia' insérese dentro do programa ArtLAB do IGFAE, unha iniciativa que pretende tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas. Súmase así a 'Cosmoloxías', unha exposición de obras cartográficas inspiradas no Universo da artista Irene Dubrovsky, celebrada en marzo de 2019; e á conferencia 'Física en concerto coas artes' da física teórica Ágnes Mócsy, impartida durante a II Semana da Ciencia do IGFAE en colaboración co Centro Galego de Arte Contemporánea.

Rosa Montero naceu en Madrid e estudou Xornalismo e Psicoloxía. Colaborou con grupos de teatro independente, como Canon ou Tábano, á vez que empezaba a publicar en diversos medios informativos como Fotogramas, Pueblo e Posible. Desde finais de 1976 traballa de maneira exclusiva para o diario El País, no que foi redactora xefa do suplemento dominical. En 1978 gañou o Premio Mundo de Entrevistas, en 1980 o Premio Nacional de Xornalismo para reportaxes e artigos literarios e en 2005 o Premio da Asociación da Prensa de Madrid a toda unha vida profesional. A súa obra abarca relatos, contos e textos xornalísticos, entre eles máis de 2000 entrevistas a personalidades de talla mundial. Entre as súas obras destacan Te tatraté como a una reina (1983), La hija del caníbal (1997), La ridícula idea de no volver verte (2013), El peso del corazón (2015) e a última, Los tiempos del odio (2018). Foi premiada en multitude de ocasións e traducida a máis de 20 idiomas. Ademais, é Doutora Honoris Causa pola Universidade de Porto Rico, membro de Honra da Universidade de Málaga, e en febreiro de 2019 creouse a 'Aula Rosa Montero' na facultade de Xornalismo da Universidade Miguel Hernández de Elxe (Alacante).

Comentarios