Rois repártelle máscaras a rapazada de 3 a 13 anos elaboradas artesanalmente por Masquemamás

Rois repártelle máscaras a rapazada de 3 a 13 anos elaboradas artesanalmente por Masquemamás
Rois repártelle máscaras a rapazada de 3 a 13 anos elaboradas artesanalmente por Masquemamás

Son de algodón co interior en sarga hidrófuga e antibacteriana e decoradas na cara exterior

O Concello de Rois entrégalle dende onte á rapazada de 3 a 13 anos que vive no municipio unha máscara elaborada artesanalmente por Masquemamas en algodón co interior en sarga hidrófuga e antibacteriana que admite un mínimo de 25 lavados sen perder as súas características.

O Concello achegou o material e a artesá local María García González foi quen as confeccionou no seu taller de Masquemamas, incluíndo na parte exterior unha tea decorada para facelas máis atractivas para que os nenos e nenas se animen a poñelas e se poidan protexer para evitar a propagación do coronavirus.

María García entregoulles ao alcalde, Ramón Tojo, e ao concelleiro Manuel Cobas, as máscaras que hoxe empezou a repartir entre a rapazada. Xunto ás máscaras, cada neno e nena de 3 a 13 anos recibirá tamén unha tarxeta cunha acuarela deseñada por Uxía Pérez na que figura a seguinte mensaxe: “Nenas e nenos de Rois, grazas pola vosa valentía e colaboración. Todo vai saír ben”.

Masquemamas elaborou as máscaras en dous tamaños diferentes, para que se poidan adaptar mellor á cara de cada neno ou nena segundo a súa idade.

Os celadores e alcaldes de barrio serán os encargados de entregar cada sobre personalizado aos nenos e nenas empadroados no municipio.

O Concello de Rois xa lle entregou a cada persoa maior de 14 anos unha pantalla protectora fabricada pola empresa local Camilo Vilas. Agora completa as medidas de protección á veciñanza con estas máscaras para os nenos e nenas de 3 a 13 anos elaboradas por Masquemamas.

O alcalde manifesta o seu agradecemento a estas dúas empresas, así como a todo o tecido empresarial e particulares que están a colaborar co Concello achegando material e man de obra para evitar a propagación do coronavirus e para axudar as familias máis vulnerables do municipio doando alimentos, material escolar e material de protección ante a COVID-19.

Comentarios