O alcalde apela á "sensatez" na utilización das terrazas e advirte das consecuencias "terribles" dunha volta atrás

O alcalde apela á "sensatez" na utilización das terrazas e advirte das consecuencias "terribles" dunha volta atrás
O alcalde apela á "sensatez" na utilización das terrazas e advirte das consecuencias "terribles" dunha volta atrás

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ofreceu hoxe unha rolda de prensa na que analizou diversos aspectos do proceso de desescalada no municipio, como o uso das terrazas, a situación do transporte público e privado ou o réxime de estacionamento regulado.

Sánchez Bugallo referiuse á complexidade da desescalada, porque "dependemos en boa medida da responsabilidade individual e colectiva de cada un de nós", reiterando que "non hai capacidade nas forzas de seguridade para controlar o comportamento de cada persoa". Afirmou comprender "a necesidade de socializar de algúns conveciños e conveciñas, pero deben ser conscientes de que a situación non está superada, e se hoxe tivera que haber unha volta atrás, os resultados serían máis terribles que os da primeira etapa".

Neste sentido, e ante a previsión de bo tempo do sábado e do domingo, o alcalde apuntou que "non queremos repetir os mesmos problemas coas terrazas". "Se estamos insistindo nas distancias seguridade, é obvio que nunha mesa de catro persoas non pode haber nove, porque non hai distancia de seguridade, nin distancia ningunha", puxo como exemplo, argumentando que "a interpretación sensata é que nunha mesa de catro persoas só pode haber catro persoas".

Apelou ao "sentido común", porque o interese primordial que temos que protexer é a saúde e a vida das persoas". En palabras de Sánchez Bugallo, "a hostalaría tamén ten que ser consciente da situación, é responsable do cumprimento da normativa, e debe chamar atención aos clientes e se estes desobedecen chamar ás forzas de seguridade. O que non se pode é mirar para outro lado".

Comentarios