O Concello edita o libro "A derrota do Scórpio. Un paseo por Santiago con Ricardo Carvalho Calero" con motivo do Día das Letras Galegas

O Concello edita o libro "A derrota do Scórpio. Un paseo por Santiago con Ricardo Carvalho Calero" con motivo do Día das Letras Galegas
O Concello edita o libro "A derrota do Scórpio. Un paseo por Santiago con Ricardo Carvalho Calero" con motivo do Día das Letras Galegas

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou o libro A derrota do Scórpio. Un paseo por Santiago con Ricardo Carvalho Calero. Con esta edición, o Concello de Santiago quere renderlle unha pequena homenaxe con motivo do Día das Letras Galegas ao profesor, escritor e galeguista. 

Son máis de 80 páxinas, nas que se inclúe un roteiro, que amosan, a través de textos, fotografías e documentos, a relación de Carvalho Calero con Compostela, cidade na que viviu entre 1926 e 1933 e entre 1965 e 1990, ano do seu falecemento. O libro, editado pola Concellaría de Acción Cultural, repartirase, en principio, nos centros socioculturais de Santiago, para que estea ao dispor da cidadanía. A publicación está coordinada pola cooperativa MAOS Innovación Social. Contén imaxes inéditas de Moncho Rama, pertencentes ao álbum de Carvalho Calero. As fotografías da Compostela Actual realizounas Miguel Muñiz, e os textos son de María Abelleira, Xosé Antón González e Óscar Senra, que acompañou a Mercedes Rosón durante a presentación.

Na presentación, Mercedes Rosón destacou a "especial a simbiose que sempre tivo Ricardo Carvalho Calero con Compostela". Unha relación, sinalou, que "vai máis alá do transfundo persoal. Co paso do tempo transfórmase nunha unión política, cultural e, agora, trinta anos despois da súa morte, nun vínculo histórico". Porque, a pesares de nacer en Ferrol, tal e como lembrou a concelleira, Compostela foi a cidade de Carvalho Calero, "a cidade –engadiu- na que está a súa biblioteca e arquivo persoal, polo que é de xustiza recoñecer a súa figura, investigala e difundir o seu legado entre as novas xeracións.

Óscar Senra describiu a publicación a través de dous elementos diferenciadores que xiran en torno ao movemento. "O primeiro, que se entrega nun sobre, o que nos indica que se trata dun libro para ser enviado e recibido, que pase de man e man; xa que artellamos o seu contido en torno aos paseos tan habituais na vida de Carvalho Calero". O formato, cun mapa incorporado, a xeito de roteiro, con sete paradas, da pé, segundo sinalou Óscar Senra, ao segundo elemento diferenciador, "pasear por Santiago da man de Carvalho Calero ou pasear pola vida e obra" do profesor.

Neste percorrido dáselle voz ao propio galeguista e aos personaxes da súa obra Scórpio, publicada en 1987, que segundo Senra presenta "moitos paralelismos coa súa vida". "Quixemos ofrecer –indicou- outra forma de entrar en contacto con el e co seu contexto, cun conxunto de pistas que nos inciten a coñecer mellor ao autor e á nosa cidade".

Mercedes Rosón lembrou que "foi precisamente Carvalho Calero quen narrou na súa novela Scórpio, entre realidade e ficción, como era aquel Santiago republicano, aquel Santiago de pre-guerra. Describiu como ninguén como se relacionaban os seus habitantes, a sensación de liberdade que se respiraba e a semente que estaba plantando o galeguismo".

A novela Scórpio tamén é protagonista noutro dos actos previstos para o Día das Letras Galegas, no que colabora o Concello, pero que a causa da crise sanitaria se tivo que reprogramar. Trátase da reedición da publicación, prologada polo alcalde, coa que está previsto agasallar a todas as persoas que participen na maratón de lectura continuada promovida por AGAL-Através Editora, que se ía celebrar no Pazo de Fonseca este 16 de maio pero que, ao final, se adiou para finais de outubro. Ademais, o Concello ten previsto inaugurar no Auditorio de Galicia, no último trimestre do ano, unha exposición sobre Ricardo Carvalho Calero.

A concelleira de Acción cultural finalizou a presentación animando á cidadanía a participar no Día das Letras Galegas. Indicou que, aínda que se reprogramaron as actividades, "podemos celebrar o 17 de maio dende nas nosas fiestras e dende as redes sociais", poñendo en valor ese gran patrimonio que é "a nosa lingua". 

Comentarios