Restablécese o prazo de preinscrición e renovación de praza nos servizos complementarios de educación

Restablécese o prazo de preinscrición e renovación de praza nos servizos complementarios de educación
Restablécese o prazo de preinscrición e renovación de praza nos servizos complementarios de educación

O departamento de Educación do Concello de Ames reabre o prazo de preinscrición e renovación de praza para os servizos complementarios de educación e conciliación, que engloban á Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas, para todos aqueles pais e nais que desexen que os seus fillos/as sexan usuarios/as destes programas no próximo curso escolar 2020-2021. Os usuarios e usuarias que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos na actualidade poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.

Como facer as preinscricións e renovacións

A tramitación das preinscricións e da renovación pódese realizar a través da páxina web www.conciliames.org. Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que imprimir o impreso de solicitude, asinalo e presentalo por Rexistro telemático a través da sede electrónica do concello. Outra opción é presentalo no Rexistro Xeral do Concello ou na oficina municipal do Milladoiro, temporalmente situadas na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Neste sentido, e por mor da situación de estado de alarma, para o rexistro de documentación deberase solicitar cita previa no teléfono 981 883 002.

O sistema de renovación e preinscrición online para os servizos complementarios de educación é o mesmo que se empregou nos últimos anos. As persoas que xa empregaron este servizo anteriormente non teñen que volver a darse de alta. No caso de non ter as citadas claves poderá solicitalas desde a mesma páxina. Os novos usuarios/as deben premer na ligazón de crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas.

Os usuarios/as sen acceso a internet poderán realizar a tramitación referida no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou na oficina municipal do Milladoiro, situada de xeito transitorio na casa da cultura de Milladoiro. Para elo, deberán solicitar unha cita no teléfono 981 891 476.

Simulador de cotas na páxina web de Conciliames
Ademais, entrando na páxina web de Conciliames os usuarios/as dispoñen dun simulador de cotas. Este cálculo será de orientación, suxeito á comprobación do expediente por parte do departamento de Educación. O modelo de autoliquidación de taxas para os servizos que se vaian a renovar, pódese solicitar á Recadación municipal, enviando un correo electrónico ao enderezo ames@canaltributos.com

Implantación dos servizos na Escola Unitaria de Covas
A principal novidade deste ano é a implantación dos servizos complementarios de educación e conciliación na Escola unitaria de Covas. Desta maneira, as crianzas matriculadas nesta escola tamén poderán solicitar o servizo de comedor e de Bos días cole.

Ademais, cómpre lembrar que todos os rapaces e rapazas matriculadas no IES de Ames (tanto en secundaria como en bacharelato) tamén poden acceder ao servizo de Bos días cole do CEIP A Maía.

Formulario e información sobre a baremación no comedor
De cara a garantir un servizo de calidade e segundo se establece no regulamento publicado no BOP número 23 do 1 de febreiro de 2018, no caso de que o número de solicitudes supere a capacidade da oferta farase unha selección e terán prioridade as familias empadroadas no concello de Ames.

Así, para a preinscrición na Rede municipal de comedores escolares deberase achegar a documentación necesaria para a baremación. A información está dispoñible nos rexistros e na páxina web www.conciliames.org.

Para máis información pódese poñer en contacto co departamento de Educación en Bertamiráns chamando ao teléfono 981 891 476 ou no enderezo electrónico educacion@concellodeames.gal.

 >>ACCEDE AO TRÁMITE DE PREINSCRICIÓN E RENOVACIÓN DE PRAZA NOS SERVIZOS COMPLEMENTARIOS DE EDUCACIÓN

Comentarios
Lo más