A Unidade de Asesoramento de Probas Telemáticas dará soporte a alumnado e profesorado na avaliación

A Unidade de Asesoramento de Probas Telemáticas dará soporte a alumnado e profesorado na avaliación
A Unidade de Asesoramento de Probas Telemáticas dará soporte a alumnado e profesorado na avaliación

Esta iniciativa súmase ao programa de préstamo de material informático e ás axudas para sufragar a conexión á Rede impulsadas dende a Universidade e das que xa se beneficiaron preto de 1.000 persoas

O Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) da USC será o encargado de coordinar a recentemente creada Unidade de Asesoramento de Probas Telemáticas, xunto co apoio da Área TIC e da Secretaría Xeral da Universidade. Esta canle específica proporcionará formación, asesoramento e soporte ao profesorado na realización das probas finais non presenciais.

A través do enderezo electrónico ceta.probastelematicas@usc.gal, o profesorado poderá dirixir as súas consultas técnicas ou normativas e as comunicacións de incidencias. Se ao alumnado lle xorde problemas técnicos no desenvolvemento das probas, deberá comunicalo ao persoal docente responsable da materia, achegando as evidencias das que dispoña para acreditar a incidencia, por exemplo, unha captura de pantalla.

No caso de que se produza unha desconexión masiva acreditada, o persoal docente deberá realizar unha reprogramación da proba, poñéndoo en coñecemento do departamento e do centro. Se a desconexión afectara só a un número limitado de estudantes deberá intentarse unha nova conexión para o alumnado que non puido finalizar a proba. De persistir os problemas técnicos, arbitrarase por parte do persoal docente responsable da materia unha solución alternativa para a realización da proba, sempre por unha canle corporativa. 

Diferentes liñas de axudas

A USC adoptou dende o primeiro momento medidas para garantir o acceso igualitario de todo o seu alumnado á docencia virtual. No marco das accións de apoio desenvolvidas durante a crise da COVID-19, a USC impulsou un programa de préstamo de material informático coa finalidade de garantir que os mozos e mozas con dificultades económicas e que carezan dos medios precisos para o seguimento da docencia virtual, podan acceder á mesma, así como á correspondente avaliación. En total, a institución puxo a disposición do seu alumnado 300 ordenadores portátiles, 150 dispositivos router con conexión a internet móbil 4G dotados de tarxeta SIM, 90 cámaras web e 500 plans de datos. A concesión destas axudas resolverase nos vindeiros días. Asemade, estableceu unha liña de axudas para sufragar os gastos derivados da conexión á Rede que xa vai pola segunda convocatoria e da que se beneficiaron, polo momento, preto de 1.000 persoas.

Paralelamente, o reitor Antonio López estableceu contactos coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para poder dispor das aulas dos Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia (rede CEMIT), así como doutras instalacións (centros culturais e bibliotecas). O obxectivo é facilitar ao alumnado que o precise espazos específicos para acceder ás probas telemáticas dende as súas vilas de procedencia, ou outras que estean próximas, que aseguren unha infraestrutura tecnolóxica para o acceso.

Nesta mesma liña, e para facilitar a realización de probas telemáticas a aquelas persoas que así o necesiten, a institución docente ofertará o acceso a Aulas de Informática especialmente acondicionadas e hixienizadas en Santiago e Lugo para que estean dispoñibles durante o período de avaliación. Neste sentido, a USC analizou o calendario de exames para, mantendo o día programado, facer una distribución das horas e quendas máis pertinente e apropiada a cada caso.

Comentarios
Lo más