A USC edita a monografía 'Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso'

A USC edita a monografía 'Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso'
A USC edita a monografía 'Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso'

A obra editada polo Servizo de Publicacións da USC e coordinada por Francisco Cidrás inclúe as colaboracións de 14 especialistas universitarios que trazan a dimensión vital e intelectual dunha figura poliédrica e fundamental da cultura galega do século XX

A USC súmase á celebración do Día das Letras Galegas 2020 coa monografía Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso, un volume  editado polo Servizo de Publicacións da USC e coordinado polo director do Departamento de Filoloxía Galega da institución académica  compostelá, Francisco Cidrás, que inclúe colaboracións de 14 especialistas universitarios que, a través das súas respectivas achegas, trazan a dimensión vital e intelectual dunha figura poliédrica, fundamental na cultura galega do século XX, como o foi Carvalho Calero.

A nova publicación dá continuidade ao compromiso adquirido e aínda nunca interrompido pola USC desde 1970, data na que o gran escritor e polígrafo homenaxeado este ano inaugurou a serie de monografías coas que desde hai xa medio século a USC consagra ás figuras literarias recoñecidas no Día das Letras Galegas. A achega de  Carvalho Calero naquela ocasión consistiu na redacción dun, daquela modesto, folleto adicado á figura do novelista e lexicógrafo Marcial Valladares titulado O señor de Vilancosta.

Estruturada en tres seccións: Aspectos dunha vidaLiteratura e estudos literarios e Lingua: teoría e praxe, nas que se distribúen as diversas achegas compiladas, a monografía Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso afondan no legado vital deste persoeiro e na súa inxente obra, un legado que traspasou todos os ámbitos da cultura, da literatura, da lingua e de todos os campos (activista político, poeta, narrrador, dramaturgo, gramático, docente vocacional, historiador da lingua e da literatura… ) que puido considerar forxadores dunha identidade nacional.

O acto de presentación deste novo volume co que a USC se suma á celebración do Día das Letras Galegas 2020 está condicionado pola actual conxuntura de alarma sanitaria por mor da COVID-19, unha situación que tamén impide a celebración institucional desta efeméride por parte da USC.

Comentarios
Lo más