Continúan as reivindicacións de hostalaría cun acto en Fernando III

Continúan as reivindicacións de hostalaría cun acto en Fernando III
Continúan as reivindicacións de hostalaría cun acto en Fernando III

Unha delegación da Xunta Directiva da Asociación Hostalaría Compostela, encabezada pola súa presidenta, Sara Santos, visitou este sábado Fernando III O Santo, unha das rúas do Ensanche que son peatonais esta fin de semana trala proposta da entidade.

Os representantes da Asociación amosáronse moi preocupados pola situación que atravesa o sector, coa práctica totalidade dos locais en ERTE, pechados ou traballando só con servizo a domicilio e/ou o 50% das terrazas, e coas limitacións aínda maiores engadidas polo Concello. Unhas circunstancias excepcionais que imposibilitan o regreso dos seus empregados. E que están a afectar tamén a todos os sectores que xiran ao redor da hostalaría: produtores primarios, provedores, distribuidores, etc.

Tal e como apuntan dende o organismo nun comunicado, basta con mirar os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), correspondentes ao primeiro trimestre, e que sitúan a Santiago, cunha subida de 3,6 puntos na taxa de paro respecto a fai un ano, como a cidade galega con maior impacto da crise no emprego.

“E todos sabemos o peso económico específico que ten a hostalaría en Compostela, que supón o 20% do PIB da cidade”, recordan.

Ademais, dende a Asociación "lamenta a actitude que está a tomar ao Concello, sen ter en conta a opinión do sector, como na actualización do mapa de ocupación da vía pública que elimina un 40% das prazas de terrazas e que se fixo cunha norma arbitraria e sen ningún tipo de consenso".

Dende hostalaría pregúntanse, por exemplo, por que non se pode poñer unha mesa máis cando se agrupan mesas se queda libre espazo xa autorizado suficiente para gardar a distancia de seguridade e permitir o paso dos peóns.

Co acto de hoxe, Hostalaría Compostela quere insistir unha vez máis na chamada ao diálogo co Concello e inicia desta maneira unha serie de encontros co sector para explicar as medidas que afectan ao mesmo. É vontade de todos cumprir coas normas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social impostas para salvagardar a saúde de clientes e traballadores, pero tamén precisan poder sacar adiante os seus negocios. 

Comentarios
Lo más