As obras na vía que conecta Santiago con Brión provocarán cortes este luns

As obras na vía que conecta Santiago con Brión provocarán cortes este luns
As obras na vía que conecta Santiago con Brión provocarán cortes este luns

Os traballos na vía que comunica Santiago e Brión céntrase na recolocación dunha das pilas de apoio do viaduto da marxe esquerda, habilitándose o desvío de tráfico polo enlace

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, está a executar unhas obras de conservación do viaduto de Brión, o que fará necesario este luns o corte da calzada esquerda da autovía AG-56.

Os traballos na infraestrutura da estrada que comunica Santiago e Brión levaranse a cabo nunha xornada e durante a súa execución está previsto o desvío do tráfico polo enlace da autovía.

As actuacións de mantemento consisten na recolocación dun apoio do viaduto da marxe esquerda que, pese a non supoñer problemas dende o punto de vista estrutural, cómpre arranxalo para optimizar a súa conservación.

Para a execución da obra deseñouse unha estrutura auxiliar específica que permitirá realizar o gateo ou izado ao mesmo tempo das vigas desta infraestrutura para o apoio dos gatos hidráulicos, ao non existir nos dinteles espazo suficiente para a súa colocación.

A técnica do gateo ou izado de estruturas de pontes é unha actividade singular que na actualidade se está a estender neste tipo de infraestruturas. Deste xeito, trátase de evitar danos ao taboleiro da estrutura e das 8 vigas que descansan sobre o dintel da pila obxecto desta intervención.

Estes traballos enmárcanse no programa específico da Xunta de seguridade das pontes e das obras de paso, a través do que se levan a cabo actuacións de inspeccións periódicas e constantes en todas as estruturas das estradas autonómicas co fin de anticiparse a posibles futuros problemas.

Galicia foi pioneira na implantación deste mecanismo de inventariado e xestión da conservación das pontes nas estradas de titularidade autonómica. Trátase dun sistema de seguridade e inspección de estruturas que permite ter un coñecemento máis completo da rede viaria, do seu estado de conservación, tanto desde o punto de vista estrutural, como da súa evolución de deterioro no tempo e, por suposto, desde o punto de vista da seguridade dos usuarios.

Comentarios
Lo más