#EuMercoAquí, a campaña para reactivar o comercio de Santiago de Compostela

#EuMercoAquí, a campaña para reactivar o comercio de Santiago de Compostela
#EuMercoAquí, a campaña para reactivar o comercio de Santiago de Compostela

"Nunca tanto vos botamos en falta, desta saímos xuntos". O comercio local seguirá enchendo de vida as rúas de Santiago, promocionando os produtos autóctonos e de proximidade; e por suposto abastecendo os/as cidadáns/ás de forma segura. Ademais estarán apoiados por unha campaña 360º de publicidade, nomeada #EuMercoAquí, que procurará dinamizar as súas vendas empregando as plataformas online, redes sociais e tamén os soportes tradicionais. 

Esta iniciativa xa foi presentada ás principais asociacións de comerciantes da cidade, como Santiago Centro, Compostela Monumental, Em-Rede e Comercio Punto Compostela; e conta co seu respaldo e participación directa.

Unha campaña que se fará pública durante a última quincena do mes de maio e irá intensificando a súa forza durante as sucesivas semanas. Esta acción está encadrada no Plan Marco de Reactivación Económica Compostela 2020 do Concello de Santiago, para paliar os efectos da crise sanitaria global provocada pola COVID-19.

#EuMercoAquí dinamizará o comercio local e poñerá de relevo a importancia destes establecementos para a cidade nun momento tan complexo como o actual. Agora máis que nunca, a sostibilidade do comercio é esencial para todos e debemos concienciar a cidadanía de que "desta saímos xuntos".

Comunicar e salientar os valores únicos do comercio local é o principal obxectivo da campaña do Concello. Poñer o comercio da cidade no lugar que merece, dándolle especial protagonismo ás persoas que o forman, por contribuír a fomentar un consumo máis responsable e sostible, por potenciar a riqueza local, por promover un emprego que favorece a conciliación e a estabilidade, polo respecto ao medio ambiente, por fomentar a singularidade dos produtos artesanais e autóctonos, pola confianza, pola conexión e interrelación cos clientes; en definitiva, pola súa grande achega social, dinamizando e promovendo o desenvolvemento económico de Santiago. 
Comentarios