O alcalde expresa a súa "absoluta satisfacción" polo comportamento cidadán e o funcionamento das terrazas esta fin de semana

O alcalde expresa a súa "absoluta satisfacción" polo comportamento cidadán e o funcionamento das terrazas esta fin de semana
O alcalde expresa a súa "absoluta satisfacción" polo comportamento cidadán e o funcionamento das terrazas esta fin de semana

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, mostrou en roda de prensa o seu "agradecemento" á cidadanía de Compostela e a súa "absoluta satisfacción" polo seu comportamento durante esta pasada fin de semana en relación ao proceso de desescalada. "Se ben na pasada fin de semana houbera algún desfase importante, nesta detectei unha corrección eficaz, con moita xente na rúa, na praza de Abastos (onde se repartiron 1.250 máscaras este sábado) ou nos parques, pero todo con orde e sen saturación".

"Pouco a pouco nos imos acostumando ao de camiñar pola dereita", indicou Sánchez Bugallo, quen insistiu nesta recomendación. Neste sentido, fixo especial fincapé na Alameda, onde se detectou algún problema puntual, abrindo a posibilidade de dividir en carrís os paseos se non se xeneraliza o feito de camiñar pola dereita. Ademais, apuntou que a peonalización das rúas do Ensanche durante a fin de semana segue funcionando "moi ben, se ningún problema ou incidente salientable". Por esta razón, dixo, "presumiblemente a imos manter nos vindeiras fins de semana".

O rexedor tamén se mostrou satisfeito con funcionamento das terrazas, do que dá conta que non houbera ningunha denuncia entre as máis de 50 terrazas inspeccionadas pola Policia Local. Por iso agradeceu igualmente o comportamento da hostalería. Preguntado por algunha crítica deste colectivo, o alcalde indicou que "non son xustas" e remitiuse á instrución do pasado venres que clarifica algunha interpretación do decreto estatal. En calquera caso, aclarou, "a fórmula proposta polo Concello é indicativa, e fíxose polas dúbidas xurdidas na interpretación do decreto, pero os hostaleiros poden propoñer a súa fórmula, e de momento non se propuxo ningunha".

Lembrou que obrigas como a da separación de dous metros entre mesa e mesa veñen no decreto, e que "hai cousas de sentido común, como que non pode haber nove persoas nunha mesa de catro, porque é necesario manter unha mínima distancia de seguridade entre clientes". Tamén recordou que o tamaño das mesas está estipulado na ordenanza que o regula. E, á marxe das dúbidas xurdidas e xa solucionadas sobre a praza de Europa (por ser de titularidade privada), o alcalde mostrouse convencido de que "non hai tanta confusión".

En palabras do alcalde, "o decreto fala dun máximo do 50% do aforo, e o Concello non entra nese máximo. O único que podemos facer é interpretar as normas coa maior flexibilidade posible, tendo en conta que a prioridade ten que ser a seguridade da cidadanía". Por iso, insistiu, "buscamos solucións que cumpran a norma e que garantan unha seguridade para usuarios e que permitan instalación de terrazas. Eu pedinlles os hostaleiros que sexan conscientes de que a vía pública é de todos; deles, pero tamén do comercio, dos que acceden á súa vivenda, dos peóns, e dos vehículos que circulan, e hai que buscar un punto de encontro e de equilibrio entre todos, pero sempre tendo en conta que debe prevalecer a seguridade".

Seguindo co proceso de desescalada, Sánchez Bugallo demandou ir "paso a paso, con seguridade e prudencia", sinalando as graves consecuencias que para unha cidade como Santiago podería ter unha volta atrás. Neste sentido, pediu "desculpas aos que cren que puidemos dar máis pasos, pero a prudencia é importante". 
Comentarios