O alumnado poderá viaxar para recoller as súas pertenzas nas residencias universitarias e nos pisos de aluguer

O alumnado poderá viaxar para recoller as súas pertenzas nas residencias universitarias e nos pisos de aluguer
O alumnado poderá viaxar para recoller as súas pertenzas nas residencias universitarias e nos pisos de aluguer

As persoas que necesiten desprazarse entre provincias precisarán dun xustificante persoal e intransferible expedido pola Universidade e válido para un único día

Logo de que o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) se pronunciase a respecto da posibilidade de desprazamento entre as catro provincias galegas para o alumnado universitario de Galicia, a USC fixo público este martes o xeito de proceder en cada caso. Neste senso, están permitidos os desprazamentos dentro da mesma provincia co obxectivo de recoller pertenzas de pisos de aluguer, residencias ou centros educativos. Recoméndase, en todo caso, contar con documentación que xustifique o desprazamento como poden ser o contrato de aluguer, o xustificante de matrícula que todo o alumnado pode descargar da súa Secretaría Virtual ou o DNI no que, ademais de poder ser esixido a efectos de identificación persoal, figure a dirección de orixe ou destino.

No caso dos desprazamentos dentro da provincia que teñan como obxectivo recoller materiais ou pertenzas de centros educativos, estes débense realizar de xeito individual e mediante cita previa. Esta concertarase a través da Oficina Virtual de Atención enviando unha mensaxe á dirección de correo electrónico estudantado.oficinavirtual@usc.gal facendo constar nome e apelidos, o centro ao que se precisa acudir, número de teléfono e correo electrónico de contacto. No caso de que se trate dun centro que permaneza pechado será a Oficina Virtual de Atención a que comunicará o día, a hora e o protocolo para a recollida. Se o centro fora dos que xa está aberto, será a dirección do propio centro a que comunique a cita á persoa solicitante.

A respecto dos desprazamentos entre diferentes provincias, e segundo o acordado nas últimas horas polo Cecop, o estudantado matriculado nunha universidade galega poderá desprazarse entre as catro provincias para os efectos da recollida e do desaloxo, no seu caso, das vivendas contratadas para o presente curso, ou a recollida de materiais na súa residencia académica. O alumnado que necesite facer este desprazamento interprovincial precisará dun xustificante persoal e intransferible expedido pola universidade válido para un único día. Asinaranse xustificantes para desprazamentos a partir do xoves 21 de maio e para obtelso, deberase cubrir o formulario de solicitude activado a tal efecto.

Se este alumnado que vai realizar un desprazamento entre provincias precisa acceder a algún centro educativo ou residencia universitaria debe solicitar primeiro cita previa a través da Oficina Virtual de Atención e, unha vez concertada, seleccionar ese mesmo día no calendario que aparece no formulario para obter o xustificante de desprazamento.

Comentarios