O Concello cumpre coas medidas consideradas prioritarias nas conclusións das sesións de traballo da Fundación Kaleidos.red

O Concello cumpre coas medidas consideradas prioritarias nas conclusións das sesións de traballo da Fundación Kaleidos.red
O Concello cumpre coas medidas consideradas prioritarias nas conclusións das sesións de traballo da Fundación Kaleidos.red

A Fundación Kaleidos.red, na que está integrada o Concello de Santiago, presentou as conclusións das sesións de traballo celebradas nas últimas semanas, protagonizadas pola crise sanitaria da COVID-19

Nesas conclusións, a entidade estableceu unhas prioridades inmediatas para os municipios. Son o mantemento dos servizos esenciais, campañas de comunicación apelando á responsabilidade cidadá ante a pandemia, vixilancia no cumprimento das medidas nas distintas fases de desescalada; redeseño do funcionamento dos equipamentos municipais, ordenación do tempo e espazo de traballo na administración local, apertura gradual da atención presencial a cidadanía, medidas de protección contra a violencia machista e apoio telémático na educación a aquelas familias nas que exista fenda dixital. Unha medidas que, en gran parte, xa están implantadas no noso Concello.

A máis longo prazo, segundo as conclusións agrupadas no documento titulado "Fortalecemento gobernos locais. Ámbitos e medidas inmediatas e mediatas", habería que implementar plans de integridade municipal, plans de transparencia e rendición de contas, programas de participación cidadá, plans estratéxicos de desenvolvemento, dixitalización e automatización de administración local e redeseño estrutural da política de recursos humanos; iniciativas nas que o Concello de Santiago xa está a traballar.

Dende que comezou o estado de alarma, o concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, e o responsable técnico, Enriquez Vázquez Naveira, participaron en distintas sesións de traballo online, organizadas a través da Fundación Kaleidos.red, nas que se analizou a situación de crise sanitaria e se trataron asuntos como o papel das administracións locais como garantes da sostibilidade, a transición cara novas relacións económicas como resposta ao momento actual, ou como xerar novos modos e maneiras de comunicación entre a administración local e a cidadanía.

Kaleidos.red é unha organización de referencia a nivel municipal, que leva traballando nestas temáticas desde o ano 2000. É unha referencia de como diferentes concellos son capaces de sumar, pór o foco nunha mellor calidade de vida da cidadanía e traballar para que nosos municipios sexan espazos privilexiados para o desenvolvemento persoal e profesional das persoas que viven neles.

Entre os concellos que integran esta rede atópanse os de Santiago de Compostela, Alacante, Bilbao, Burgos, Xetafe, Málaga, Sant Boi de Llobregat ou Vitoria-Gasteiz. Todos concordan en que, nunha sociedade cada vez máis complexa e cambiante, agora máis que nunca, é necesaria a participación e implicación cidadá nas políticas e servizos de proximidade, así como unha gobernabilidade baseada na corresponsabilidade e no valor público. 
Comentarios
Lo más