Carlos Da Aira e Raquel Lima, poetas gañadoras do certame aRi[t]mar galiza e portugal 2020

Carlos Da Aira e Raquel Lima, poetas gañadoras do certame aRi[t]mar galiza e portugal 2020
Carlos Da Aira e Raquel Lima, poetas gañadoras do certame aRi[t]mar galiza e portugal 2020

Os poemas serán interpretados na Gala que se realizará a finais deste ano, xunto coas cancións premiadas de Sabela e António Zambujo, e a participación de Georgina Benrós De Mello, premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona.

 A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela acabou de fechar o proceso de votación dos poemas finalistas do certame aRi[t]mar galiza e portugal, onde os gañadores foron o galego Carlos Da Aira, polo poema “Nas noites de luar” (Prender os fachos, compoñer os ósos, Espiral Maior, 2019), e a portuguesa Raquel Lima, por “Liberdade mais cruel” (Ingenuidade Inocência Ignorância, Animal Sentimental e BOCA - palavras que alimentam, Lda, 2019).

As seguintes clasificadas foron Tamara Andrés (Galiza) por “No medio desta paisaxe”, e Filipa Leal(Portugal), por “Projecto político 3: El Corte Inglés” e, en terceiro lugar, Olga Novo (Galiza), por “Síndrome de Stendhal” e José Manuel Neves (Portugal) con “E se fosse proibido abraçar”.

Os poemas foron escollidos por votación popular online aberta a todo o público galego e portugués. Ademais das  comunidades educativas e sociais da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, participaron tamén as da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Instituto de Línguas e Ciências Humanas da Universidade do Minho (Braga), Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões e os centros do Ensino Português pelo Camões na Galiza, e os Centros de Estudos Galegos de máis de 35 universidades do exterior, ben como centros de ensino secundario de fóra de Galiza en que se imparte galego, e o público en xeral.

aRi[t]mar galiza e portugal é un proxecto didáctico-cultural, desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, que ten por obxectivo divulgarmos a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegarmos a cultura e a lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa Lusofonía.

Coa organización da Equipa de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e de portugués, durante o ano lectivo trabállanse de forma didáctica os textos e as músicas e, posteriormente, escóllense mediante votación popular online as mellores cancións e poesías editadas en Galiza e en Portugal no ano anterior, neste caso en 2019. A finais de ano, os gañadores participarán nunha Gala de entrega de premios en Santiago de Compostela.

Ademais das  comunidades educativas e sociais da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, participaron tamén as da Facultade de Filoloxía da USC, Instituto de Línguas e Ciências Humanas da Universidade do Minho (Braga), Conservatorio Profesional de Música de Santiago, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões, os centros do Ensino Português pelo Camões na Galiza e os Centros de Estudos Galegos de máis de 35 universidades do exterior, ben como centros de ensino secundario de fóra de Galiza en que se imparte galego.

Esta iniciativa fai parte da Rede da GaliLusofonia, “com os objetivos de juntar esforços, coordenar-se e cooperar na difusão de iniciativas encaminhadas a fomentar a nossa língua e cultura comuns no seu espaço natural, a Lusofonia, com grande potencial noutros campos como o económico e o institucional”.

aRi[t]mar galiza e portugal conta co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial da Coruña, das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, así como do  Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e do Instituto Camões-Centro cultural Portugués de Vigo.

Comentarios
Lo más