Comezan as obras para cubrir o parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns

Comezan as obras para cubrir o parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns
Comezan as obras para cubrir o parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns

Esta semana comezaron a executarse as obras para a cubrición do parque infantil da praza de Chavián, na localidade de Bertamiráns.

O proxecto de cubrición da área de xogos, implantación e ordenación de elementos no parque infantil de Chavián, en Bertamiráns, contempla a realización de obras de cubrición e protección dunha parte, de aproximadamente 160 metros cadrados, da praza situada en fronte á avenida da Maía. Está equipada como área de xogos infantís en dous espazos; un de usuarios/as en idade preescolar e o outro para nenos e nenas de 3 a 12 anos. A zona que se vai a cubrir vai a ser a área de xogos para nenos e nenas en idade preescolar, mentres que na outra zona do parque infantil, que está destinada aos rapaces e rapazas de 3 a 12 anos, vanse a reordenar os elementos de xogos existentes e instalar outros novos.


Para a cubrición dunha parte do parque infantil, vaise a implantar unha estrutura metálica que se cubrirá mediante unha malla téxtil semitransparente lixeira que garanta o uso da zona cuberta nas estacións de choiva e secas, e tanto nos períodos de iluminación diúrna como nocturna. A totalidade da intervención de cubrición máis a reordenación dos xogos actuais e a instalación de novos elementos de xogo, acada unha superficie de intervención construtiva sobre o ámbito de 653,90 metros cadrados.

Dito proxecto foi adxudicado por un importe duns 153.000 euros, IVE incluído, á empresa Galitec Desarrollos Tecnológicos SL. Estes traballos serán sufragados cos fondos que achega a Deputación da Coruña a través do POS 2018. A demora no inicio da obras foi debido a diferentes modificacións e adaptacións que houbo que facer no proxecto inicial. Ademais, incluíuse no proxecto a instalacións de novos elementos de xogo, tanto na área de xogo de preescolar coma na destina a nenos/as de 3 a 12 anos.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “dende o Concello de Ames estase facendo investimentos para mellorar os parques infantís existentes. Un exemplo disto é a cubrición de dous parque infantís urbanos como son o da praza de Chavián, en Bertamiráns, e o de Agro da Vella, no Milladoiro. Ademais, estase executando un novo modelo de parque infantil, con elementos de xogo de aventuras, na Condomiña, que ata o de agora non hai no municipio. Nestes tres parques investiranse preto de 400.000 euros, unha contía considerable, para mellorar os parques infantís existentes”.

Parque infantil de Agro da Vella, no Milladoiro
O proxecto de cubrición do parque infantil da Praza de Chavián únese ao proxecto das mesmas características que se vai desenvolver no parque infantil de Agro da Vella, situado no Milladoiro. O expediente de licitación desta obra está aprobado e conta cun orzamento de execución por contrata de 190.393,60 euros.

Este proxecto executarase na praza que está situada entre a rúa Agro da Vella, a rúa Palmeiras, a rúa Agro do Medio e a avenida Muíño Vello. Os traballos que se desenvolverán consisten en cubrir a área de xogos, que abrangue unha superficie de preto de 400 metros cadrados e realizaranse coa implantación dunha estrutura metálica porticada lixeira.

A Xunta de Goberno Local aprobou que o sobrante por baixas de licitación no POS+ 2017, que ascende a 154.148,21 euros, sexa investido neste proxecto de cubrición da área de xogos do parque infantil de Agro da Vella, situado no Milladoiro. O Concello de Ames porá 36.245,39 euros, para completar o orzamento total do proxecto que ascende a 190.393,60 euros.




Comentarios