Denuncian a precariedade dalgúns servizos municipais

Denuncian a precariedade dalgúns servizos municipais
Denuncian a precariedade dalgúns servizos municipais

Este servizo leva sen contrato desde maio de 2018, o que repercute na precariedade das condicións laborais de 48 traballadores/as


O grupo municipal do BNG reclama a revisión dos pregos da licitación do servizo de limpeza das dependencias do Concello para  facer unha adaptación á nova situación derivada da covid-19.

Entre os servizos que se encontran en situación irregular está o da limpeza das instalacións municipais que leva sen contrato desde maio de 2018, o que repercute na precariedade das condicións laborais de 48 traballadores/as da actual empresa licitadora e nas condicións do propio contrato.

A licitación para o novo contrato deste servizo iniciouse o 30 de abril de 2020, durante o Estado de Alarma derivado da pandemia do coronavirus nun contexto onde as organizacións sanitarias coinciden en que se debe aumentar a frecuencia da limpeza en todos os ámbitos como medida de prevención.

“Observamos que estas indicacións non están recollidas nos pregos da licitación e incluso a documentación é de datas anteriores ao Estado de Alarma como, por exemplo, o informe de necesidade e idoneidade que ten data do 17 de outubro de 2019”, sinalou Navia Rivas, concelleira do BNG. “Deste xeito, os pregos non recollen, nin prevén as necesidades de limpeza que as dependencias do Concello precisan ante a nova situación que se está a vivir”, advertiu.

O  grupo municipal do BNG trasladará unha pregunta ao Pleno “para que se busque unha solución que teña en conta o contexto actual e que os pregos do novo contrato non impliquen que haxa maior carga de traballo e máis precariedade nas condicións laborais das 48 traballadoras/es”, nin que se fagan subcontratacións a terceiras empresas sen limitacións que poidan empeorar as condicións laborais.

Cómpre lembrar que o BNG leva anos a advertir da situación irregular de numerosos contratos de servizos prestados polo Concello a través de empresas privadas ou mediante concesións administrativas. A licitación da Escola de Municipal de Música, o servizo de conserxería de 14 colexios públicos e 6 pavillóns, o servizo de transporte urbano, o Matadoiro municipal, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, o contrato de  mupis e marquesiñas ou as pistas de padel son algunhas das empresas que se encontran sen contrato na actualidade.

Así, o BNG insiste na necesidade de licitar estes contratos de servizos públicos tendo en conta as adaptacións que se requiran da situación derivada da pandemia do coronavirus, explicou Navia Rivas.

Comentarios
Lo más