59 especialistas acaban a residencia en Santiago

59 especialistas acaban a residencia en Santiago
59 especialistas acaban a residencia en Santiago

Nun encontro telemático, os novos especialistas en Medicina, Psicoloxía e Farmacia, recibiron o agradecemento e os parabéns por parte da xerente, do equipo docente e do decano da facultade de Medicina

A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza despediu este xoves aos 59 especialistas que remataron a súa formación como residentes nos distintos centros da área.

Nun encontro telemático, os novos especialistas en Medicina, Psicoloxía e Farmacia recibiron o agradecemento e felicitacións por parte da xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez Masid, do Decano da Facultade de Medicina da USC, Julián Álvarez, do xefe de estudos e presidente da Comisión de Docencia do CHUS, Rogelio Leira e do xefe de estudos da Unidade Docente de Medicina Familiar e Comunitaria, Sergio Cinza.

En total son 59 os residentes que rematan a súa formación nos centros da área compostelá  en 33 especialidades: 1 residente en alergoloxía; 1 residente de anatomía patolóxica; 4 de anestesioloxía e reanimación; 1 aparato dixestivo; 3 cardioloxía; 2 cirurxía ortopédica e traumatoloxía; 1 cirurxía plástica, estética e reparadora; 2 cirurxía xeral e do aparato dixestivo; 1 dermatoloxía e venereoloxía; 1 endocrinoloxía e nutrición; 1 farmacia hospitalaria; 1 hematoloxía e hemoterapia; 9 medicina familiar e comunitaria; 1 medicina intensiva; 2 medicina interna; 1 en medicina nuclear; 1 medicina preventiva e saúde pública; 1 microbioloxía e parasitoloxía; 1 nefroloxía; 1 pneumoloxía,  1 neuroloxía; 1 en neurocirurxía; 2 obstetricia e xinecoloxía; 2 oftalmoloxía; 1 oncoloxía médica;1 en oncoloxía radioterápica 2 otorrinolaringoloxía; 5 pediatría; 2 psicoloxía clínica; 2 psiquiatría; 2 radiodiagnóstico; 1 reumatoloxía; e 1 uroloxía.

Neste atípico acto de despedida, a xerente, Eloína Núñez, que presidiu a xornada, agradeceulles aos novos especialistas o seu traballo nos centros da área  e felicitounos por ter rematado esta etapa apaixoante e intensa, sobre todo, nos últimos meses, facendo referencia á pandemia do coronavirus que lles tocou vivir. “Agradezo a vosa xenerosidade e predisposición cando se vos pediu colaboración nos peores momentos covid”. Recordou que o 90% dos recentes especialistas quedarán nos centros da xerencia, pois a todos se lles ofreceu un contrato en previsión de futuras necesidades asistenciais. Emprazounos para reunirse con eles cando a situación o permita.  A doutora Núñez rematou a súa intervención desexando "sorte, ánimo e parabéns”.

A área sanitaria de Santiago e Barbanza conta con centros de referencia tanto a nivel asistencial como docente e investigador. É unha xerencia que ten unha antiga e estreita relación coa Universidade de Santiago de Compostela e unha gran tradición na formación de excelentes profesionais. Ten acreditación para todas as especialidades e forma, cada ano, 300 residentes de distintos anos en diferentes servizos. Hoxe remataron a súa formación 59  novos especialistas. A todos se lles ofreceu un contrato como especialistas en previsión de futuras necesidades asistenciais.

Comentarios
Lo más