O Pleno de Noia aproba destinar 160.000 euros do POS+Adicional a gasto corrente e case 43.000 euros a gastos adicionais da COVID-19

O Pleno de Noia aproba destinar 160.000 euros do POS+Adicional a gasto corrente e case 43.000 euros a gastos adicionais da COVID-19
O Pleno de Noia aproba destinar 160.000 euros do POS+Adicional a gasto corrente e case 43.000 euros a gastos adicionais da COVID-19

A primeira sesión telemática da historia de Noia ratificou a ordenanza de aprazamento e fraccionamentos de taxas e impostos 

O Concello de Noia celebrou na tarde do xoves a súa primeira sesión telemática, convocada de forma extraordinaria para aprobar o destino dos fondos do POS+ Adicional 1/2020 da Deputación da Coruña e ratificar a aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora dos aprazamentos e fraccionamentos das débedas tributarias e outros ingresos de dereito público. Así, o Pleno aprobou destinar 42.922,62 euros a gastos adicionais pola COVID-19 e 160.959,81 euros a gasto corrente.

O Pleno comezou con todos os grupos municipais agradecendo esta achega da Deputación da Coruña e facendo unha lembranza ás vítimas do coronavirus COVID-19, especialmente do veciño do Obre falecido durante esta pandemia. O Pleno aprobou por unanimidade destinar eses 42.922,62 euros “a actuacións de Emerxencia Social e adquisición de material de protección contra a COVID-19, como os kits de arranque para o comercio, mamparas, etc”, explicou o alcalde, Santiago Freire.

Así mesmo aprobouse destinar a gasto corrente os 160.959,81 restantes. Unha proposta que saíu adiante cos votos a favor de PP, PSOE, NOIA e BNG e coa abstención da Marea Cidadá de Noia, xustificada en que non se pode dedicar todo a gasto corrente e botar en falta proxectos e servizos. O alcalde explicou que a redución de ingresos previsible nos próximos meses “nos levaron a entender que o máis axeitado era dedicalo a gasto corrente, por prudencia”.

Finalmente, o Pleno aprobou, coa abstención da Marea Cidadá de Noia, unha corrección de erros aritméticos no POS+2020 e ratificou de xeito unánime a ordenanza de aprazamentos e fraccionamentos das débedas tributarias. “Unha ferramenta útil que vai axudar a mellorar a situación actual dos veciños e veciñas de Noia”, apuntou Freire Abeijón. O alcalde tamén confirmou que a próxima sesión ordinaria de xuño será xa presencial e que se houbera necesidade de facer algún pleno extraordinario antes, tería lugar de forma telemática.

Comentarios
Lo más