Ames abre o prazo de inscrición na Escola de Verán do 1 ao 8 de xuño

Ames abre o prazo de inscrición na Escola de Verán do 1 ao 8 de xuño
Ames abre o prazo de inscrición na Escola de Verán do 1 ao 8 de xuño

O próximo luns, 1 de xuño, ábrese o prazo de inscrición para participar da  Escola de Verán, unha oferta educativa e de ocio concibida para conciliar a vida laboral e familiar dos veciños e veciñas de Ames durante o período non lectivo dos meses de xullo e agosto

O servizo está dirixido aos nenos e nenas de Ames que durante o prazo de inscrición estean escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria. A presentación de solicitudes poderá realizarse de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nas oficinas de rexistro de Bertamiráns e O Milladoiro, baixo cita previa. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o luns, 8 de xuño. Unha vez publicada a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as o prazo para a presentación de reclamacións será de 5 días hábiles. 


A consecuencia derivada da declaración do estado de alarma e as súas sucesivas prórrogas, así como a incerteza na posibilidade de realizar ou non estes programas, motivou que non se puidera abrir o prazo de inscrición da Escola de Verán no período no que se facía en anos anteriores. Tendo en conta a proximidade do inicio do programa, o Concello de Ames considera necesario abrir o prazo de presentación de solicitudes do proceso de inscrición e adaptar as fases posteriores, modificando e axustando as datas coa finalidade de que sexa posible tramitar todo o proceso procurando a súa resolución á maior brevidade posible para o correcto funcionamento do programa.

A Escola de Verán limita o número de prazas só a aquelas unidades familiares empadroadas no Concello de Ames onde os dous proxenitores xustifiquen debidamente a necesidade de conciliación, así como os casos de emerxencia social debidamente acreditados polos Servizos Sociais do Concello de Ames.

Desenvolvemento da Escola de Verán
Os centros habilitados para a realización do programa serán, no Milladoiro, a Escola de Educación Infantil (para os/as alumnos/as escolarizados durante o curso 2019/2020 nalgún dos niveis do segundo ciclo de educación infantil) e o CEP de Ventín (para os/as alumnos/as matriculados/as durante o curso 2019/2020 nalgún dos niveis de educación primaria). En Bertamiráns, os/as usuarios/as poderán elixir entre o CEIP A Maía e o CEIP de Barouta se ben, por cuestións derivadas de aforo en relación á Covid-19, unha vez completado o aforo nun dos dous centros, o resto de solicitudes, por orde de entrada no rexistro, repartirase no outro centro.

Tramitación das inscricións
As solicitudes de inscrición poden recollerse no departamento de Educación, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou nas oficinas municipais do Milladoiro, en horario de 08:30 ás 14:30 horas. De igual maneira, estas tamén se poden obter desde a web municipal, nomeadamente desde o apartado de descargas desta nova.

A presentación de solicitudes poderá realizarse de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nos rexistros xerais da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina ou da oficina municipal do Milladoiro, no mesmo horario, baixo cita previa a convenir para a EEI do Milladoiro e CEP de Ventín, no número de teléfono 679815090, e para os CIEP A Maía e de Barouta, no número 696650173. Tamén se pode solicitar a través do enderezo electrónico rexistro@concellodeames.gal. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro luns, 8 de xuño. Para obter máis información sobre este servizo, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Servizo
A Escola de Verán é unha oferta educativa que pretende ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas do concello de Ames no período estival, cunha ampla oferta de actividades dirixidas a fomentar a convivencia, a tolerancia e a integración. Así, as cativas e cativos poderán participar en diversos xogos e exercicios a través dos que se buscará que aprendan a valorar e gozar da actividade física e o respecto polo contorno, ademais de enfocarse no divertimento e a creatividade.


Como consecuencia da Covid-19, as medidas hixiénico-sanitarias a levar acabo adaptaranse na medida en que se correspondan co obxecto do programa que se está ofrecendo ao borrador de protocolo e medidas hixiénico-sanitarias para o desenvolvemento de campamentos de verán 2020, desenvolvido polo colectivo nacional de campamentos de verán, no que están integrados empresas, autónomos, asociacións, instalacións e albergues que desenvolven proxectos de ocio e tempo libre ofrecendo a nenos/as, mozos/as e familias alternativas lúdico-educativas no medio natural e urbano.

Comentarios
Lo más