O Concello abre un formulario de comunicación das cacharelas privadas

O Concello abre un formulario de comunicación das cacharelas privadas
O Concello abre un formulario de comunicación das cacharelas privadas

O Concello de Santiago, a través da web municipal, vén de habilitar un formulario a través do cal se poden comunicar as cacharelas e sardiñadas de San Xoán. Neste espazo tamén se poden consultar as normas ou descargar o impreso de solicitude, por se a comunicación se quere realizar a través do Rexistro. Este ano, a causa do COVID-19, non están permitidas as cacharelas e sardiñadas en terreos públicos. 

O prazo de presentación de solicitudes abrirase ás 00:00 horas deste sábado e permanecerá aberto ata as 00:00 horas do 21 de xuño. A solicitude deberá presentarse a través do formulario disposto páxina web do Concello ou a través do Rexistro: rexistro@santiagodecompostela.gal. Aquí pódense consultar as condicións e descargar o impreso de solicitude e as normas.

Unha vez enviado o formulario, o/a usuario/a recibirá unha mensaxe de recepción da súa solicitude do Departamento de Mobilidade e Seguridade Cidadá, sendo suficiente este trámite para a realización do evento.

Normas
As normas para a realización de cacharelas e sardiñadas privadas na noite de San Xoán (23 de xuño) son extensibles ás feitas calquera outro día do mes de xuño. Os/as particulares asinantes da comunicación previa teñen que ser maiores de idade. Co trámite de comunicación é suficiente para poder levar a cabo a actividade, sen prexuízo da responsabilidade por danos ou perdas a que houbera lugar no caso de que concorrera neglixencia ou imprudencia.

De acordo co establecido na Orde SND/414/2020, de 16 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 2 do Plan para a transición cara unha nova normalidade, os grupos de persoas que participen na cacharela/sardiñada non poderán ser máis de 15; agás no caso de persoas conviventes. Extremaranse as medidas de hixiene de mans e medidas alternativas de protección física e de etiqueta respiratoria.

O/a interesado/a que organice o evento deberá coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080) e o de Emerxencias (112).

Se a propiedade está en zona urbana, o volume do combustible da cacharela non excederá os 2 metros de diámetro e os 6 metros de perímetro, nin un metro de altura. En zona rural, o volume do combustible non excedera os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro, nin os 3 metros de altura.

Porase especial coidado en situar a fogueira afastada das vivendas, vehículos, instalacións e locais nos que se almacenen produtos inflamables. Ademais, non se situarán baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin preto de masas arbóreas ou zonas vexetais susceptibles de ser queimadas.

Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites e, en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros.

A fogueira permanecerá vixiada polas persoas solicitantes ata a súa total extinción, que deberá ser asegurada empapando os restos con auga, asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante vento que poida dificultar a vixilancia e extinción da fogueira, esta deberá suspenderse ou apagarse de inmediato.

A hora límite para rematar a celebración é as 3:30 horas da madrugada, de acordo co disposto no artigo 5.f da Lei 10/2017 de 27 de decembro de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

O cumprimento destas normas será verificado polo persoal do Servizo de Extinción de Incendios que, se é o caso, dará conta á Policía Municipal das infraccións. Lémbrase que o número de teléfono do Servizo de Bombeiros é o 080 (só emerxencias) ou o 981 542 444. O número de Emerxencias da Xunta de Galicia é o 112. 

Comentarios
Lo más