Piden ao Concello que explique como vai ser o novo servizo de recollida do lixo e limpeza viaria

Piden ao Concello que explique como vai ser o novo servizo de recollida do lixo e limpeza viaria
Piden ao Concello que explique como vai ser o novo servizo de recollida do lixo e limpeza viaria

O grupo municipal de CA advirte que o atraso na licitación fará que o Concello de Santiago incumpra a súa obriga de recoller de maneira separada os residuos orgánicos antes de que remate o ano

Compostela Aberta instou ao Goberno local, e máis en concreto á concelleira de Medio Ambiente, a informar no Pleno das características dos pregos cos que tén previsto sacar a licitación o servizo de recollida do lixo e limpeza viaria. O grupo municipal de CA lembra que este servizo, un dos que supón un maior custo económico para o Concello, está a funcionar cunha orde de continuidade e sen contrato, malia a que no pasado mandato quedaran elaborados os pregos técnicos e lanzada unha consulta ao mercado.

No Pleno ordinario do pasado 28 de maio, a concelleira Marta Abal explicou, en resposta a unha pregunta de Compostela Aberta, que a previsión do Goberno é iniciar a licitación do novo contrato de recollida do lixo e limpeza viaria “a finais de xullo ou principios de agosto”, unha vez publicada a súa estructura de custos. O grupo municipal de CA entende que “con estes prazos, será case imposible que o Concello de Santiago cumpra coa obriga imposta polo Goberno do Estado para que os municipios de máis de 5.000 habitantes recollan de forma separada os seus residuos orgánicos a data do 31 de decembro de 2020, en virtude da directiva europea sobre residuos de 2018 que obriga aos concellos a recuperar o 55 por cento do lixo que producen”.

Tendo en conta que no pasado mandato quedaron elaborados uns pregos para a licitación do servizo e tamén se iniciara un procedemento de consulta ao mercado, Compostela Aberta pídelle á concelleira de Medio Ambiente que aclare no Pleno “que modificacións se fixeron nos pregos que xa estaban redactados que xustifiquen o atraso no inicio desta licitación e a necesidade de recorrer á figura da orde de continuidade, tan criticada polo PSOE cando estaba na oposición”. En concreto, o grupo municipal de CA pídelle a Mila Castro que explique “que previsións tén o Goberno para o tratamento dos residuos orgánicos, e se hai algunha variación con respecto ao contemplado nos pregos elaborados no pasado mandato: a instalación dun mínimo de 240 illas de compostaxe comunitaria na zona urbana, e o reparto de ata 1.600 composteiros domiciliarios na zona rural; así como a dotación decolectores específicos para orgánico nos puntos onde os composteiros non foran viables”. De igual maneira, Compostela Aberta demanda información sobre os plans para a recollida do lixo na cidade histórica, “onde o Goberno de CA prevía un modelo propio baseado na instalación de illas completas de cinco colectores no perímetro da zona vella, colectores de quita e pón no interior da améndoa, e recollida porta a porta de todas as fraccións de lixo nos establecementos hostaleiros e comerciais”.

Día Mundial do Medio Ambiente

Compostela Aberta demanda información sobre os pregos do contrato de recollida do lixo e limpeza viaria coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebrou este 5 de xuño. O grupo municipal de CA lembra que “os concellos teñen un papel fundamental para afrontar a realidade do  cambio climático, e a crise da Covid-19 está facendo máis evidente que as administracións públicas deben apostar por un modelo ecosocial”. Nesa liña, Compostela Aberta pídelle ao Goberno local que se implique “para poñer en marcha medidas que aposten pola soberanía alimentaria, a naturalización da cidade, a creación de espazos urbanos amables e coidadores da diversidade; e a redución de gases de efecto invernadoiro apostando por enerxías renovables, pola redución do tráfico en vehículos privados”.

Comentarios
Lo más