O Gáias acollerá ‘Galicia, de Nós a Nós’ a segunda exposición do Xacobeo 2021

O Gáias acollerá ‘Galicia, de Nós a Nós’ a segunda exposición do Xacobeo 2021
O Gáias acollerá ‘Galicia, de Nós a Nós’ a segunda exposición do Xacobeo 2021

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, trasladoullo hoxe ás entidades participantes no Centenario da Xeración Nós nunha xuntanza telemática

O Museo Centro Gaiás acollerá o próximo mes de outubro Galicia, de Nós a nós, a segunda exposición do Xacobeo 2021 centrada no centenario da publicación da revista Nós e no legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron co seu labor, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.

Así llo trasladou hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, ás entidades participantes no Centenario da Xeración Nós no marco dun encontro telemático para coordinar a celebración desta homenaxe. A mostra, que sucederá á exposición Galicia, un relato no mundo, estaba prevista inicialmente para finais de maio, pero tivo que ser reprogramada polos efectos da crise sanitaria da covid-19.

Trátase dunha exposición realizada pola Xunta en colaboración coa Deputación de Ourense que está comisariada polo investigador e académico da Real Academia Galega (RAG) Afonso Vázquez Monxardín e a profesora e investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña. Agárdase que, tras o seu paso pola Cidade da Cultura, teña unha itinerancia completa na cidade de Ourense en febreiro de 2021. 

Aspira a ser a mostra máis completa realizada ata agora sobre a Xeración Nós, co obxectivo comunicar á sociedade a transcendencia do que, xunto ao Rexurdimento, é probablemente o momento histórico máis relevante de conformación da cultura e identidade galega. A exposición reflectirá o compromiso coa memoria e o legado dunha xeración que agrupa aos considerados “pais do galeguismo contemporáneo”. Coa ollada posta no público xeral e nas xeracións más novas, actualizarase a relevancia das figuras que formaron parte dela.

O proxecto reivindicará a vixencia de principios defendidos pola Xeración Nós, como a dimensión universal da cultura galega, a necesidade de ter unha voz propia no mundo e o carácter aberto e integrador de Galicia. 


Extensión dos actos conmemorativos

Durante o encontro, as asociacións participantes amosáronse favorables á proposta do Goberno galego de prolongar a 2021 as actividades programadas para celebrar esta efeméride ante os efectos da crise sanitaria da covid-19. O obxectivo desta iniciativa é completar as actividades e cumprir cos obxectivos conmemorativos do centenario a través dunha programación diversa para homenaxear a intelectuais galeguistas como Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Francisca Herrera Garrido e Florentino López Cuevillas, entre outros­­­.

Neste sentido, Román Rodríguez, subliñou a importancia das achegas realizadas pola Xeración Nós á modernización da cultura galega, tanto na nosa Comunidade como fóra dela, favorecendo a súa promoción ao exterior e a súa conexión con outros territorios.

Na xuntanza, á que tamén asistiu o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participaron representantes do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, a Real Academia Galega de Ciencias, a Deputación de Ourense, as tres Universidades do SUG, o Instituto Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, as Fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez, Blanco Amor, Curros Enríquez, a AELG, o Centro PEN Galicia, Gálix e os concellos de Ourense e Rianxo.

Comentarios