Lousame ofrécelle á mocidade do municipio uns obradoiros gratuítos para tratar temas de actualidade e do seu interese

Lousame ofrécelle á mocidade do municipio uns obradoiros gratuítos para tratar temas de actualidade e do seu interese
Lousame ofrécelle á mocidade do municipio uns obradoiros gratuítos para tratar temas de actualidade e do seu interese

Asesorados por unha psicóloga, tratarán cuestións como a xestión das emocións, as relacións afectivo-sexuais, a violencia de xénero ou a resolución de conflitos de forma pacífica

O Concello de Lousame organiza “Falemos!”, uns obradoiros gratuítos nos que a mocidade do municipio poderá tratar temas de actualidade e de interese para este grupo de idade baixo a guía e o asesoramento dunha psicóloga. “Trátase dunha actividade na que levamos tempo traballando, xa que entendemos que se trata dunhas idades nas que xa andan algo perdidos de por si pero decidimos poñela en marcha xa porque pensamos que a situación agravouse este ano coa pandemia do coronavirus e todo o que trouxo consigo: suspensión das clases, confinamento na casa, relacións coa familia...”, explica a concelleira de Xuventude, Silvia Agrafojo.

Os obradoiros serán dirixidos pola psicóloga Alba González e terán lugar nos locais sociais de Lousame, unha hora á semana e en grupos reducidos dun máximo de 10 mozos e mozas. Haberá dous grupos de idade: de 13 a 15 anos e de 16 a 21 anos. “Nas sesións trataranse temas como a xestión das emocións, as relacións afectivo-sexuais, a solución de conflitos de forma pacífica ou a violencia de xénero”, adianta Silvia Agrafojo, “sen que iso impida engadir calquera outro tema de actualidade ou que resulte de interese para o grupo: futuro laboral, temas de estudos, de relacións afectivas... pois o que realmente queremos é que eles teñan un espazo onde expresar as súas preocupacións”.

As inscricións no programa “Falemos!” están abertas dende o martes no Concello de Lousame ou chamando ao teléfono 699 679 359. As reunións comezarán segundo se vaian conformando grupos de traballo nas distintas parroquias do municipio.

Comentarios