Aberta a matrícula do IV Ciclo Universitario ata o 31 de xullo

Aberta a matrícula do IV Ciclo Universitario ata o 31 de xullo
Aberta a matrícula do IV Ciclo Universitario ata o 31 de xullo

O proceso pode realizarse en liña ou de xeito presencial con cita previa

O IV Ciclo Universitario abriu o luns 22 de xuño o seu prazo de matrícula. As persoas interesadas en tomar parte neste programa de formación específico para alumnos e alumnas maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel educativo previo, poden formalizar a matrícula en liña a través da secretaría virtual da USC. O prazo remata o 31 de xullo. 

As persoas que prefiran realizar o proceso de xeito presencial, deberán dirixirse á Secretaría do IV Ciclo en Santiago de Compostela, situada no Pavillón estudantil; ou, no caso do campus de Lugo, á Unidade de Xestión Académica que se atopa no Edificio Intercentros. En ambos os dous casos é imprescindible solicitar cita previa a través do formulario dispoñible na súa páxina web. Para calquera dúbida, pode contactarse co IV Ciclo no teléfono  881 81 45 88 ou no enderezo electrónico ivciclo@usc.es

Integración e participación

Este programa pretende posibilitar que as persoas maiores compartan procesos formativos e de extensión cultural, con criterios de interdisciplinariedade, favorecendo así a súa integración, a súa participación e atendendo ás necesidades de formación permanente das persoas maiores. O IV Ciclo é un programa educativo regrado en conexión cos programas educativos dos outros ciclos que se imparten na USC, e ofrece dous títulos propios: o Diploma Sénior de IV Ciclo e o Diploma Excelsior de IV Ciclo.

Comentarios
Lo más