Frades presenta a súa programación de verán

Frades presenta a súa programación de verán
Frades presenta a súa programación de verán

A piscina municipal abrirá as súas portas o mércores 1 de xullo coa obriga de reservar diariamente a entrada a través da páxina web

O Concello de Frades vén de enviar a todos os veciños e veciñas do municipio dous folletos coa programación para o verán 2020, tanto para persoas adultas como para nenos e nenas. Uns folletos que recollen máis de trinta actividades para todos os gustos e idades, se ben este ano terán que desenvolverse de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias para facer fronte á Covid-19.

Iniciativas que van dende catorce viaxes, media ducia de actividades deportivas, conciliación familiar, cinco sesións de cine e teatro ou catro sesións formativas dirixidas exclusivamente a mulleres. Unhas actividades que se poden consultar na web municipal: www.frades.gal.

Apertura da piscina

A programación dará comezo o vindeiro mércores 1 de xullo coa apertura da piscina municipal, que estará aberta de luns a venres en horario de 15.30 a 21:00 horas, e de 14:30 a 21:00 horas as fins de semana. A entrada continuará sendo de balde se ben, como medida para o control do aforo e a protección fronte á Covid-19, a entrada deberá reservarse cada día a través do enlace https:://piscinafrades.orbinn.com/login.

O horario para pedir cita será de 12:00 da mañá do día anterior ata as 11:00 horas do propio día. Excepcionalmente, aquelas persoas empadroadas en Frades que non teñan acceso á Internet poderán coller cita telefónica no concello chamando ao 981 695 567. En todo caso, terán preferencia os veciños e veciñas empadroados en Frades.

A programación mantén actividades tradicionais como os Xoves de Praia, o Campionato de Pesca Infantil (11 de xullo), o Día do Neno/a, (26 de xullo), a ruta de sendeirismo “Os Pasos de Aiazo” (1 de agosto), a excursión ao Aquapark de Cerceda (7 de agosto), o campionato de pádel (22 de agosto) ou o Día da Bicicleta (29 de agosto). Ademais, en xullo e agosto terán lugar os cursos de natación e de pilates de verán; e o 26 de setembro retomaranse as etapas da “Vía da Prata”, interrompidas polo estado de alarma, coa etapa entre Dozón e Laxe.

No capítulo de novidades, este ano haberá unha excursión a Portugal o 19 de setembro e unha viaxe a Ponteceso o 8 de agosto no que os participantes poderán elixir entre facer unha ruta de sendeirismo de 12 quilómetros entre Ponteceso e o Dolmen de Dombate ou facer unha visita libre por Ponteceso con visita ao Dolmen. Outra novidade será unha sesión de teatro para toda a familia na que Galeteatro porá en escena a obra “Muiñada”. Será o sábado 25 de xullo, ás 19:00 horas, no campo da festa de Galegos.

Debido á situación excepcional que estamos a vivir, será obrigatorio o uso de máscaras nos transportes ás actividades, cuxo desenvolvemento queda supeditado en todo momento a que as condicións sanitarias por mor da Covid-19 o permitan. Así mesmo, terán preferencia as persoas empadroadas en Frades.

Comentarios
Lo más