Aberto o prazo de solicitude de matrícula nos servizos de comedor e de madrugadores

Aberto o prazo de solicitude de matrícula nos servizos de comedor e de madrugadores
Aberto o prazo de solicitude de matrícula nos servizos de comedor e de madrugadores

A Xunta de Goberno Local aprobou os prazos e o procedemento de matrícula nos servizos de comedor e de madrugadores para o curso 2020-2021, do que se benefician dez centros de ensino públicos: Apóstolo Santiago, Quiroga Palacios, As Fontiñas, Roxos-Villestro, Vite, Mestre Rodríguez Xixirei (A Lavacolla), Monte dos Postes, Raíña Fabiola e Ramón Cabanillas e, no caso do CEIP Arquitecto Casas Novoa, só o servizo de madrugadores. O prazo de presentación de solicitudes de matrícula estará aberto entre o 30 de xuño e o 14 de xullo (ambos os dous inclusive).

As familias deben presentar o impreso de solicitude (Anexo I) por unha destas dúas vías: polo rexistro, de forma telemática, seguindo os pasos da dirección rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do; ou polo rexistro do Concello de Santiago (pedindo previamente cita no teléfono: 981 543 122. O modelo oficial poderá descargarse da páxina web do Concello.

Os mesmos prezos
Para o curso 2020-2021 manteranse os mesmos prezos públicos que no curso pasado: 4,50 euros/día por xantar/comensal/día e 1,94 euros/día por almorzo/comensal/día. Non poderán facer uso de xantar e almorzo os/as usuarios/as con recibos impagados de cursos anteriores. Os servizos de comedor e madrugadores prestaranse todos os días lectivos do curso escolar 2020-2021

Distancias de seguridade e capacidade
Debido a situación actual por mor da pandemia da Covid-19, a Concellaría de Educación estima que, no inicio do curso escolar, terase que gardar unha distancia de seguridade entre os/as comensais e cumprir coas instrucións que determinen as autoridades sanitarias e educativas competentes na materia. Por este motivo, a capacidade de todos os comedores pode reducirse a máis da metade, polo que poderían contar con dobre quenda de comida (priorizando na primeira quenda os/as escolares de infantil e primeiros cursos de primaria) ata completar o aforo que se estableza en cada espazo de comedor.

No caso de que, finalmente, sexa necesario restrinxir o número de usuarios/as que poden facer uso do comedor, estableceranse uns criterios de admisión. En todo caso, terá a praza garantida o alumnado becado e preferencia as familias nas que traballen as persoas responsables legais do menor no horario de comedor ou en tránsito. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas dispoñibles, poderase acordar o establecemento doutros criterios de admisión, incluíndo o sorteo.

Todas as solicitudes entregadas nos prazos establecidos que non obtiveran praza quedarán en lista de agarda ata que se produza unha vacante no servizo solicitado, e irán entrando en orde segundo os criterios anteriores. Queda aberta a inscrición fora dos prazos establecidos, durante o resto do curso, unicamente co criterio de orde de entrada no Rexistro Xeral do Concello, sempre que haxa praza vacantes e, despois, de que entrasen todos/as os/as usuarios/as que realizaron a inscrición nos prazos establecidos. Estas medidas estarán vinculadas á evolución da pandemia, podendo ser máis flexibles ou máis estritas en función desta.

Máis información
Para evitar os desprazamentos das familias interesadas e aos efectos de obter información precisa sobre o proceso, toda a información estará dispoñible na páxina web municipal. Os/as interesados/as poderán ademais contactar co Departamento de Educación no correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal ou vía teléfonica (981 554 400/401) optando só para casos excepcionais pola forma presencial (que en todo caso se fará mediante cita previa).

Tamén se lles facilitará á información mediante correo electrónico aos centros de ensino obxecto desta convocatoria e á Federación de ANPAS de Compostela, co obxecto da súa difusión entre as familias e na súa páxina web. 

Comentarios
Lo más