Hostalaría Compostela acolle un curso de axudante de cociña para persoas en risco de exclusión social

Hostalaría Compostela acolle un curso de axudante de cociña para persoas en risco de exclusión social
Hostalaría Compostela acolle un curso de axudante de cociña para persoas en risco de exclusión social

As clases comezaron este martes e prolongaranse ata o 15 de xullo

Esta martes presentouse o Curso de Inserción Social de Axudante de Cociña, que se está a celebrar na sede da Asociación Hostalaría Compostela, en colaboración con Cash Record. Asistiron á rolda de prensa a presidenta da nosa entidade, Sara Santos; o Xerente de Cash Record en Santiago, Simón Quintela; e o profesor do CIFP Compostela, Xosé Quintáns.

O curso, no que colabora Cash Record donando os produtos que prepararán os diferentes alumnos, diríxese a persoas en risco de exclusión social co obxectivo de mellorar a súa formación e aumentar as súas oportunidades de lograr un posto de traballo. As clases, que comezaron xa este, martes 30 de xuño en horario de mañá, desenvolveranse ata o vindeiro 15 de xullo e estarán impartidas polo profesor do CIFP Compostela, Xosé Quintáns.

Os módulos que se propoñen están relacionados co currículo do Ciclo medio de Cociña e Gastronomía da Familia Profesional de Hostalaría e Turismo. Así, os asistentes aprenderán técnicas de elaboración culinaria, respectando a normativa hixénico-sanitaria na preelaboración, elaboración e conservación dos produtos, así como na limpeza e recollida posterior. O curso centrarase nas elaboracións de sopas, cremas, hortalizas, potaxes, ensaladas, ovos, arroces, pastas, peixes e carnes.

Durante a súa intervención, Sara Santos indicou que a crise económica provocada pola pandemia do Covid-19 é “moi seria” e está afectando de xeito moi significativo ao sector da hostalaría, “pero estamos traballando para tratar de saír adiante e todos merecemos unha oportunidade. Estamos seguros de que as clases que recibirán os alumnos e alumnas que participan nesta edición da man do profesor Xosé Quintáns e grazas á colaboración de Cash Record serán de moito proveito”.

Comentarios
Lo más