A piscina municipal de Frades abre as súas portas este mércores con medidas especiais

A piscina municipal de Frades abre as súas portas este mércores con medidas especiais
A piscina municipal de Frades abre as súas portas este mércores con medidas especiais

A entrada seguirá sendo de balde pero este ano haberá que reservar praza previamente a través dunha aplicación web

A piscina municipal de Frades, emprazada na parroquia de Papucín, abrirá este  mércores 1 de xullo as súas portas para a campaña de verán. Unha campaña que estará marcada polas medidas preventivas que o Concello de Frades vai tomar para o control do aforo e a protección dos e das usuarios/as fronte á Covid-19.

A entrada seguirá sendo gratuíta pero este ano será obrigatorio reservar diariamente a entrada a través do enlace https://piscinafrades.orbinn.com/login ou a través dun enlace dispoñible na páxina web municipal (www.frades.gal). Unha reserva que se poderá realizar desde as 12:00 horas do día anterior ata as 11:00 horas do propio día de piscina. Así mesmo, e como medida excepcional e unicamente para aquelas persoas empadroadas en Frades que non teñan acceso ao Internet, o Concello de Frades tamén admitirá citas telefónicas a través do 981 695 567.

A piscina estará aberta de luns a venres, en horario de 15:30 a 21:00 horas, e as fins de semana, de 14:30 a 21:00 horas. A entrada é de balde, tendo preferencia as persoas empadroadas en Frades. Será obrigatorio o uso de máscara sempre e cando non se poida garantir a distancia mínima de seguridade de 1,5 metros. Ademais de piscina de adultos e para crianzas, os usuarios das instalacións poden desfrutar tamén dunha pista de pádel, dun parque infantil e dunha ampla zona de merendeiro.

Clases de natación

Así mesmo, o Concello de Frades abre o prazo de inscrición nos seus Cursos de Natación para crianzas e persoas adultas, que terán lugar do 13 de xullo ao 28 de agosto na piscina municipal. Como medida de seguridade, o tradicional grupo de iniciación dividirase en 3 grupos máis pequenos para crianzas, con clases de media hora os mércores e xoves (de 14:00 a 14:30, de 14:30 a 15:00 e de 15:00 a 15:30 horas), e un para persoas adultas (luns, mércores e venres, de 14:00 a 14:45 horas). Tamén haberá clases de perfeccionamento para nenos e nenas os luns, mércores e venres, en horario de 14:45 a 15:30 horas.

Os prezos para crianzas maiores de 4 anos é de 20 euros (30 euros de non estar empadroadas en Frades) e para persoas adultas é de 30 euros (40 euros se non están empadroadas no municipio). Máis información e inscricións no Concello de Frades: 981 695 567.

Comentarios
Lo más