O comité de Urbaser-Santiago denunciará para gozar as licenzas retribuídas desde o primeiro día laboral

O comité de Urbaser-Santiago denunciará para gozar as licenzas retribuídas desde o primeiro día laboral
O comité de Urbaser-Santiago denunciará para gozar as licenzas retribuídas desde o primeiro día laboral

A empresa négase a este aspecto e asegura que se debe computar desde o mesmo día do feito causante, mesmo que sexa fóra do horario de traballo

O comité de Urbaser en Santiago de Compostela presentará unha demanda de conflito colectivo para que o persoal poida gozar as licenzas retribuídas desde o primeiro día laboral, conforme recolle a lexislación vixente. Polo de agora, a empresa négase a isto, e afirma que se deben computar desde o mesmo día do feito causante, incluso nos casos en que este se produza fóra do horario laboral, e así o fixo constar a mediados de xuño na reunión da comisión paritaria do convenio.

Na tarde do luns, o comité de empresa celebrou unha asemblea informativa para abordar diferentes cuestións tratadas nas últimas xuntanzas con Urbaser, as medidas preventivas ante a COVID-19, así como a intervención no Pleno municipal do pasado 25 de xuño.

Na asemblea, o comité informou da interposición do dito conflito colectivo ante a negativa da empresa a cumprir co recollido pola lexislación vixente e a numerosa xurisprudencia, como as sentenzas do Tribunal Supremo 145/2018 e 257/2020, entre outras.

Segundo informa a Federación de Construción e Servizos de CCOO, o comité «utilizará todos os medios necesarios para frear este comportamento abusivo» da dirección de Urbaser. Decidiuse a fórmula do conflito colectivo porque moitos traballadores e traballadoras, «debido á súa situación persoal e laboral, non se atopan no mellor momento para emprender acción individuais contra a empresa».

Canto á intervención no Pleno do 25 de xuño, instouse o Concello de Santiago a que obrigue a empresa a cumprir o estipulado nos pregos do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria e que se proceda á cobertura das baixas, vacacións e licenzas de todo o persoal para poder garantir a prestación axeitada do servizo.

Na asemblea, o comité desmentiu tamén a versión oficial do Concello, segundo o cal a representación legal do persoal nunca lle trasladara estas queixas. No que atangue ás medidas preventivas pola COVID-19, varios traballadores manifestaron o seu descontento polas condicións dos vestiarios, taquillas e duchas do lugar de traballo de Pitelos, xa que non están adecuados á normativa sanitaria para previr o novo coronavirus. O comité de empresa comprometeuse a trasladarlle a queixa a Urbaser.

Por último, o comité informou na asemblea sobre as denuncias interpostas á Inspección de Traballo para reclamar a realización dun test de risco psicosocial, debido ás numerosas queixas do persoal polo sobrecarga de traballo e un mal dimensionamento do cadro de persoal. Actualmente, Urbaser conta en Santiago de Compostela cuns 160 traballadores e traballadoras para atender unha cidade de case cen mil habitantes.

Comentarios
Lo más