O brote de A Mariña conta con 119 casos activos, 22 máis que onte

O brote de A Mariña conta con 119 casos activos, 22 máis que onte
O brote de A Mariña conta con 119 casos activos, 22 máis que onte

 Nove persoas relacionadas co brote xa están curadas e foron dadas de alta, o que deixa o número de casos activos en 119

A Consellería de Sanidade informa que, segundo as probas realizadas ata esta mañá, confírmanse outros 22 casos positivos de persoas afectadas por Covid-19 no brote de A Mariña, o que eleva a 128 o número total de casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Sen embargo, nove persoas xa están curadas e foron dadas de alta, o que implica que o número de casos activos de Covid-19 nestes momentos na comarca de A Mariña é de 119.

O primeiro caso de infección por Covid-19 detectouse na tarde do martes 23  de xuño. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas. Ata o momento, mediante as probas realizadas confírmase a existencia de 128 positivos en Covid-19 relacionados con este brote, con nove curados neste momento e 119 casos activos. Hai que destacar que todos estes casos están relacionados co brote, o que permite garantir a trazabilidade dos casos e seguir na mesma estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión.

Desde a detección do primeiro positivo, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos das persoas que deron positivo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos, pois tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde seguen a investigar e a rastrexar todos os contactos dos novos positivos, así como a adoptar todas as medidas necesarias para o eficaz control do brote.

Dos 119 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Catro persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable.  Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. A Consellería de Sanidade segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.

Comentarios