Actividades lúdicas e ambientais este verán en Belvís para descubrir as aplicacións das plantas

Actividades lúdicas e ambientais este verán en Belvís para descubrir as aplicacións das plantas
Actividades lúdicas e ambientais este verán en Belvís para descubrir as aplicacións das plantas

A concelleira de Medio Ambiente e Parques e Xardíns, Mila Castro, e o responsable municipal de Parques e Xardíns, Gregorio López, presenaron unha nova edición do programa de actividades "Verán en Belvís", que forma parte da programación de actividades de educación e sensibilización ambiental que a concesionaria do mantemento das zonas verdes, Ferrovial, realiza no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns (CIPX), situado en Belvís.

O CIPX preparou un calendario de obradoiros e outras actividades que se desenvolverán ao longo destes meses de xullo e agosto, e nas primeiras semanas de setembro. Realizaranse de luns a venres, entre as 11:00 e as 13:30 horas. Mila Castro animou "a pequenos e maiores a participar nestas actividades, que ofrecen unha alternativa de lecer e educativa para as mañás deste verán de nova normalidade que nos toca vivir".

Haberá actividades para todo tipo de público e idades, de balde e ao aire libre. Por suposto, o programa levarase adiante con todas as medidas preventivas e de seguridade en relación á Covid-19, cun protocolo de obrigado cumprimento para os/as participantes.

Escape room e obradoiros
Unha das actividades é unha escape room polo parque de Belvís, orientada a nenos e nenas, que poderán estar acompañados de adultos/as para formar equipos mixtos. Así, despois dunha pequena charla, os e as participantes realizaran diversos xogos de pistas que permitirán o coñecemento da contorna natural de Belvís e o emprego de ferramentas de orientación.

Outra das propostas son uns obradoiros de plantas medicinais. Seguirase un itinerario botánico para identificar especies no parque e tamén se poderá aprender a cultivar estas plantas en xardíns ou recipientes, a procesar as súas partes útiles e a preparalas para remedios caseiros.

A terceira proposta son os obradoiros sobre plantas silvestres. Neste caso, explicarase a multitude de usos que poden ter estas plantas, tanto como plantas ornamentais como medicinais, madeireiras ou de uso industrial. Tamén se fará un itinerario polo parque e a sesión concluirá coa elaboración de receitas de cociña.

Inscrición e información

As persoas interesadas teñen que inscribirse a través dos teléfonos 661 406 965 ou 981 542 486, ou a través dos correos electrónicos ilopez@ferrovial.com ou nm.garcia.gomez@ferrovial.com. Nestes teléfonos e correos electrónicos tamén se pode obter máis información sobre as actividades. 

Comentarios