Piden ao Goberno local unha fórmula de colaboración cos comerciantes de Área Central para manter uns servizos básicos de uso cidadá

Piden ao Goberno local unha fórmula de colaboración cos comerciantes de Área Central para manter uns servizos básicos de uso cidadá
Piden ao Goberno local unha fórmula de colaboración cos comerciantes de Área Central para manter uns servizos básicos de uso cidadá

O Grupo Popular incide en que se, por causa dos ditames xurídicos, non se puidera adoptar ningún tipo de colaboración, o Goberno local debe facer público o seu contido para coñecemento dos interesados

O Grupo Municipal Popular presentará no Pleno ordinario deste mes de xullo unha proposición na que solicita ao Goberno de Sánchez Bugallo que proceda a poñer en marcha, canto antes e previos os ditames administrativos e xurídicos que fosen precisos, unha fórmula de colaboración co colectivo de comerciantes de Área Central, co fin de que estas instalacións, cun marcado interese público, poidan manter uns servizos básicos mínimos de limpeza e seguridade, entre outros, en beneficio tamén de todas as persoas residentes e de gran parte da cidadanía de Santiago.

Así mesmo, o Grupo Popular incide en que, se por causa das determinacións dos mencionados ditames, non se puidera adoptar ningún tipo de colaboración, o Goberno local debe facer público o seu contido para coñecemento das persoas interesadas e da veciñanza en xeral.

O complexo comercial de Área Central, posto en servizo en 1993, atravesa momentos dunha extrema dificultade económica que fai perigar o seu correcto funcionamento inmediato e pon en risco a pervivencia futura do que foi un emblema da actividade comercial, hostaleira, ofimática e mesmo residencial da cidade de Santiago.

Área Central alberga aínda hoxe a máis de 2.000 veciños, 200 traballadores nas oficinas, máis de 400 empregados nas tendas e no hipermercado, unha media diaria anual de 100 clientes no hotel e máis de 12.000 compradores e clientes habituais que acoden a diario, segundo as estimacións da entidade xestora do centro comercial.

A  situación de crise progresiva, propiciada en gran medida polo establecemento nas proximidades dun centro comercial competidor, cuxa construción e apertura foi concedida polo Concello en 2008 e aberto ao público en 2012, foise agravando coa constante perda de negocios e o descenso na afluencia de persoas e, a pesar do cambio de rumbo e das iniciativas novidosas dos últimos anos, a situación chegou na actualidade a un límite de estreiteza financeira insalvable, incapaz para asumir os gastos básicos de seguridade, limpeza e enerxía, que superan o medio millón de euros, tal e como teñen posto de manifesto a xerencia, a comunidade de propietarios e a comunidade de veciños do edificio de Área Central.

Este espazo comercial ten unha especial natureza, ao contar con acceso libre na súa práctica totalidade, tanto na praza interior ao aire libre como na ampla galería comercial cuberta, o que fai que preste un indubidable servizo para o conxunto da cidadanía especialmente no período invernal, de forma que o centro se configura como unha rúa pública máis, coa particularidade de discorrer a cuberto e de que os gastos non repercuten no erario municipal como noutras rúas, senón que proceden das cada paso máis minguadas posibilidades dos comerciantes, na súa inmensa maioría autónomos e pequenos empresarios.

Convenio con Área Central

Por este motivo, sendo coñecedores desta situación, a principios do ano actual e durante o procedemento de elaboración dos orzamentos municipais de 2020, o Grupo Municipal Popular propúxolle ao Goberno, dentro das propostas para o apoio ao comercio local e o emprendemento, a “articulación dun convenio con Área Central, para contribuír a sufragar os gastos que ocasiona a galería comercial que circunda a súa superficie, tendo en conta o servizo público que lle presta ao conxunto da cidadanía.” Unha proposta que finalmente non chegou a ser incluída no orzamento vixente.

Recentemente, o Goberno local tendo en conta ese especial carácter e ante o incremento das dificultades mostradas por este colectivo -que nos últimos tempos chegou a prescindir do 75% dos servizos de seguridade e dun 50% dos servizos de limpeza-, iniciou unha colaboración para contribuír a prestar os gastos básicos nas zonas comúns e de acceso público, con presenza policial e asumindo ata un 50% dos servizos de limpeza. Unha axuda que era moi estimada polos residentes e comerciantes, pero que o Concello suprimiu hai escasos días, ao parecer por razóns administrativas e xurídicas que impedían manter esta colaboración.

Chamamento dramático dos afectados

Ese cesamento na colaboración da administración local ten provocado un chamamento dramático dos afectados advertindo que a súa incapacidade para financiar estes servizos tería consecuencias a curto prazo, impedindo manter a limpeza diaria e a seguridade nese ámbito e, a medio e longo prazo, iso ocasionaría a perda de valor de todo tipo de propiedades existentes e un problema sanitario, de seguridade pública e de calidade de vida de primeira magnitude, que afectaría tamén aos propios residentes.

Por iso, á vista desta situación, e tendo en conta as numerosas posibilidades de colaboración que se poden articular desde a esfera municipal, o Grupo Municipal Popular presenta esta proposición.

Comentarios