Apróbanse as licitacións de compra pública innovadora do proxecto Smartiago por un valor estimado de máis de tres millóns de euros

Apróbanse as licitacións de compra pública innovadora do proxecto Smartiago por un valor estimado de máis de tres millóns de euros
Apróbanse as licitacións de compra pública innovadora do proxecto Smartiago por un valor estimado de máis de tres millóns de euros

A Xunta de Goberno Local, nunha sesión extraordinaria, aprobou hoxe a apertura do procedemento para licitar tres contratos do programa Smartiago, por un valor estimado de 3.338.292,27 euros (IVE engadido). Corresponden a proxectos mobilidade intelixente e sostible, xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos, e alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio 

Estas licitacións, permitirán, segundo explicou o concelleiro de Presidencia e Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, dar resposta ao tres retos plantexados, e mellorar, mediante o aporte tecnolóxico, a calidade dos servizos que se prestan á cidadanía, sempre utilizando a innovación para a protección do patrimonio e a sustentabilidade. O concelleiro tamén destacou que Compostela é a cidade de menos de cen mil habitantes, que leva a cabo un proxecto de CPI desta envergadura, no que se van licitar, en 2020, máis de catro millóns de euros.

A concelleira responsable de Modernización da Administración Local, Marta Abal, sinalou que ´"é a primeira vez en Santiago que se realiza unha Compra Pública de Innovación", na que, nas áreas de mobilidade e RSU, se merca desenvolvemento e innovación. Ao que se engade, continuou, a compra de investigación na licitación de iluminación ornamental, na que, precisamente, "mercamos investigación que nos vai permitir conservar o noso patrimonio nas mellores condicións". A concelleira espera que "este proxecto piloto sexa un bó exemplo para outras administracións locais".

A definición destas tres contratacións chegou despois dun proceso de Consultas Preliminares ao Mercado, no que participaron un total de 57 entidades que presentaron máis de 60 propostas. A través deste proceso convidábase aos operadores do mercado a presentar as súas solucións para os retos propostos polo Concello. É de destacar a alta participación de entidades locais e rexionais nas CPM de Smartiago, pero tamén con achegas de multinacionais líderes nos seus respectivos sectores.

Tras a presentación de propostas foron chamadas a entrevistas máis de 30 entidades (pemes, grandes empresas, universidades, centros tecnolóxicos, etc.) para que achegaran máis información sobre as solucións presentadas. Toda a información sobre este proceso pode consultarse na páxina web do proxecto Smartiago, nos Informes de Conclusións das CPM (Consulta Pública de Mercado).

MOBILIDADE INTELIXENTE E SOSTIBLE
A contratación correspondente ao reto de Mobilidade intelixente e Sostible é unha licitación de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora para desenvolver unha solución tecnolóxica de mobilidade smart, co obxecto de racionalizar o tráfico de vehículos e persoas no centro histórico, deseñar novas estratexia para a repartición de última milla e contribuír á sustentabilidade ambiental e á conservación do patrimonio.

O valor estimado é de 2.146.479,5 euros (IVE engadido) e a adxudicación está prevista para outubro de 2020, cun prazo de execución de 18 meses.

Todas as accións correspondentes a esta licitación desenvolveranse no centro histórico de Santiago de Compostela. Búscase tamén o deseño de novas estratexias para a repartición de última milla e contrubuír á sustentabilidade ambiental reducindo a contaminación.

Os compoñentes da licitación son:

- Compoñente 1: Sistema de cámaras intelixentes que deberá contemplar: o deseño, construción, subministración e instalación de cámaras intelixentes de control de tráfico de vehículos; e o deseño, construción, subministración e instalación de cámaras intelixentes de control da mobilidade peonil.

- Compoñente 2: Sistema de redutores de velocidade intelixentes que deberá contemplar o deseño, construción, subministración e instalación dun redutor de velocidade intelixente con capacidade para calcular a masa dun vehículo.

- Compoñente 3: Sistema de intelixencia artificial para control de tráfico, que deberá contemplar:deseño, construción e posta en funcionamento de modelo IA para control de tráfico de mercancías no centro e casco histórico; deseño, construción e posta en funcionamento de modelo IA para control de tráfico de turismo no centro e casco histórico; deseño, construción e posta en funcionamento dun sistema asistido para o re-adestramento de modelo base de visión artificial e integración de sistemas existentes de control e accesos e semáforos.

- Compoñente 4: Plataforma intelixente de mobilidade, que deberá contemplar: os requisitos xerais descritos no prego de prescricións técnicas (PPT); capa de adquisición: requisitos xerais; capa de adquisición: ferramenta de xestión de APIs de integración; capa de coñecemento: almacenamento de datos e información; capa de coñecemento: xestión de activos; capa de coñecemento: motor de regras e eventos complexos; capa de coñecemento: módulo de intelixencia artificial; capa de interoperabilidade: requisitos xerais; capa de servizos intelixentes: sistemas de visualización e interacción; capa de soporte: xestión da configuración; capa de soporte: xestión de usuarios e control de acceso; capa de soporte: auditoría; capa de soporte: seguridade e capa de soporte: monitorización.

- Compoñente 5: infraestrutura de comunicacións recollida no PPT (Prego de Prescripcións Técnicas).

Ademais, deberanse ter en conta unha serie de requisitos xerais que inclúen a estética dos elementos fixos a despregar, as tarefas a realizar e os entregables a presentar, dacordo cos criterios patrimoniais fixados.

XESTIÓN SOSTIBLE E INTELIXENTE DOS RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS
No caso da xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos tamén se trata dunha licitación de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora para deseño, desenvolvemento e construción de contedores intelixentes de superficie para a caracterización de residuos sólidos orgánicos. Preténdese situar o servizo de recollida e tratamento de RSU á vangarda da eficiencia con tecnoloxías smart waste, participación cidadá e IA (Intelixencia Artificial). Búscase lograr os obxectivos de 50% de preparación para a reutilización e a reciclaxe, partindo do 13% actual, convertendo o espazo urbano e o mobiliario público en elementos de interacción para obter recompensa a través da corresponsabilidade ambiental.

O valor estimado é de 564.102 euros (IVE engadido). A adxudicación está prevista para outubro de 2020 e contémplase un prazo de execución de 18 meses.

O alcance do proxecto virá marcado polos seguintes compoñentes:

- Compoñente 1: Contedor intelixente de residuos sólidos orgánicos, que deberá contemplar: requisitos funcionais, caracterización de residuos en tempo real, predición de enchido de contedor, e apertura de contedor, seguridade dos contedores e certos requisitos de ecodeseño, e técnicos e de instalación.

- Compoñente 2: App móbil de gamificación, que deberá contemplar os requisitos funcionais e técnicos recollidos no PPT.

- Compoñente 3: rede de comunicacións descrita no prego.

Ademais, deberanse ter en conta unha serie de requisitos xerais que inclúen a estética dos elementos fixos a despregar, as tarefas a realizar e os entregables a presentar.

ILUMINACIÓN ORNAMENTAL INTELIXENTE PARA A CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO
No caso do reto de iluminación ornamental intelixente para a conservación do patrimonio trátase dunha licitación de Compra Pública Precomercial, que se diferencia das anteriores, porque neste caso tamén se está mercando investigación, ademáis de desenvolvemento e innovación. Mediante esta compra, o Concello de Santiago contratará os servizos para desenvolver un sistema de alumado ornamental para a conservación do patrimonio.

O valor estimado é de 627.710,77 euros (IVE engadido), prevéndose a adxudicación para outubro de 2020. O prazo de execución é de 18 meses.

No caso desta licitación trátase da contratación dos servizos de I+D para o deseño, desenvolvemento e posta en funcionamento dunha solución piloto que permita, a través de tecnoloxía LED, inhibir o crecemento de microorganismo no patrimonio monumental de Santiago de Compostela.

Búscase situar o servizo de iluminación pública ornamental á vangarda da eficiencia, sen renunciar a unha idónea integración arquitectónica nunha contorna Patrimonio da Humanidade, promover a sustentabilidade ambiental ligada á fabricación e xestión da iluminación baixo un modelo de economía circular e reducir os gastos de conservación do patrimonio utilizando iluminación ornamental e IA para o mantemento preventivo da colonización biolóxica.

No alcance técnico do proxecto, ademais dos requisitos funcionais, contémplanse requisitos técnicos de prototipo de luminaria, requisitos de experimentación, requisitos técnicos e construtivos (os esixidos a anclaxes, os regulamentarios, os esixidos a luminarias e os esixidos a cadros de mando), ademais de requisitos para o piloto e para a conservación do patrimonio, todos eles recollidos no prego de prescricións técnicas desta licitación.

Ademais, deberanse ter en conta unha serie de requisitos xerais que inclúen a estética dos elementos fixos a despregar e os requisitos estéticos do proxecto piloto.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase unha vez se publiquen oficialmente as distintas convocatorias, e será de 35 días.

Estes contratos súmanse á licitación por valor de 1.014.893,78 euros, que sacou o Concello hai uns meses, correspondente ao contrato de subministro dunha serie de elementos relacionados coa mobilidade no marco do proxecto Smartiago , elementos necesarios e esenciais para a correcta execucións dos proxectos de CPI previstos, como sistemas de control de accesos e sistemas para supervisión e control de acceso guiado en zonas de aparcamento da zona histórica.

Smartiago
Smartiago é un proxecto de Compra Pública de Innovación, o primeiro que se desenvolve nunha cidade patrimonio de España. Conta cun orzamento de 6.180.000 euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Ministerio de Ciencia e Innovación e nun 10% pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia (GAIN).

A culminación das CPM é a aprobación e publicación destas tres licitacións. O proxecto Smartiago é transversal, e nel participan distintas concellarías, entre elas Urbanismo, Medio Ambiente e Mobilidade. 
Comentarios
Lo más