A historia do cabaleiro preso da súa armadura fixo rir en Gonzar a nenas e nenos nas Parolas de verán

A historia do cabaleiro preso da súa armadura fixo rir en Gonzar a nenas e nenos nas Parolas de verán
A historia do cabaleiro preso da súa armadura fixo rir en Gonzar a nenas e nenos nas Parolas de verán

O espectáculo de monicreques é o primeiro deste programa de verán que vai percorrer as parroquias do Pino 

A historia do cabaleiro afeccionado ás guerras que acabou quedando preso da súa armadura, para desesperación da súa familia que xa non sabía que aspecto tiña, fixo rir este xoves aos nenas e nenos que se achegaron á carballeira de Gonzar para participar na primeira xornadas das ‘Parolas de verán’. A iniciativa, posta en marcha pola concellaría de Cultura, levará polas parroquias do municipio todos os xoves de xullo e agosto diferentes espectáculos familiares.

Hoxe en Gonzar déronse cita oito nenos e nenas, que comezaron a xornada cun taller de debuxo no palco da festa de Gonzar. Pouco despois, na mesma carballeira, asistían entretidos e moi participativos, a representación do espectáculo de monicreques. ‘Unha armadura con ferruxe’ conta a historia dun cabaleiro afeccionado as guerras, tanto que cada mes participaba nunha. Ata o punto que quedou preso da súa propia armadura, para desesperación da súa muller e do seu fillo, que non sabían que facer para liberalo.

Esta foi a primeira Parola de verán, que durante os próximas xoves irá percorrendo as diferentes parroquias do Pino. A vindeira semana, o día 16, esta iniciativa chegará á parroquia de Castrofeito. Alí, ás 11.00 horas no centro sociocultural, representarase a obra ‘A historia de Brancaflor’, unha historia chega de probas máxicas, encantamentos, romances e maleficios.

Nas Parolas de verán poden participar pequenos e maiores, e conta tamén con diferentes obradoiros, pintada de debuxos e moitas máis actividades. Dende a Concellería de Cultura pídeselles as familias interesadas que anoten aos seus fillos e fillas antes do martes, para poder ter preparado o material necesario para os obradoiros.

A actividade desenvólvese nun entorno seguro, respectando a distancia de seguridade entre os asistentes, aos que se lles pide que leven as máscaras da casa.

Comentarios