O Concello de Padrón deseña un completo programa estival adaptado á normativa da nova normalidade

O Concello de Padrón deseña un completo programa estival adaptado á normativa da nova normalidade
O Concello de Padrón deseña un completo programa estival adaptado á normativa da nova normalidade

As festas tradicionais da vila tiveron que suspenderse polas medidas de seguridade determinadas polas autoridades sanitarias, pero haberá unha ampla oferta cultural, de ocio e deportiva nas vindeiras semanas

O Concello de Padrón deseñou un programa de actividades para o mes de xullo tendo en conta todas as normas da nova normalidade para garantir, ante todo, a seguridade da cidadanía. A Concelleira de Cultura explicou que “dende o Goberno local estamos buscando as mellores opcións de ocio para a veciñanza de Padrón, pero sempre priorizando a súa seguridade ante todo. Trátase dunha situación inédita, e hai que extremar as precaucións”.

O venres 17 de xullo a actividade ‘Astronomía nas Rutas Xacobeas’ dará o pistoletazo de saída á extensa programación deseñada. Esta actividade, na que tamén están implicados Xunta de Galicia, Xacobeo e Universidade de Santiago, consistirá na observación astronómica nocturna dende o Campo do Souto.  O domingo 19 de xullo, as 17:45 horas, o equipo Stellae St. Petroni xogará o Play Off de ascenso a segunda división nacional B no Polideportivo Municipal de Padrón. O partido xogarase a porta pechada, pero retransmirase en streaming a través da canle  de Youtube da Federación Galega de Fútbol.

Dende o luns 20 de xullo ata o xoves 23 de xullo haberá actuacións teatrais no Campo de fútbol do Souto ás 21:30 horas. Nestas sesións ‘Baobab Teatro’, ‘Talia Teatro’, ‘Caramuxo Teatro’ e ‘Redum Teatro’ representarán “Ris Ras”, “Voa Voa”, “Pavillón Liño” e “A nena que quería navegar”. O xoves ademais tamén se presentará ás 21:00 horas no Auditorio Municipal o libro ‘Inchadiña branca vela’ de Eduardo Rivo, no caso de que chova a actividade trasladarase á Biblioteca do Convento do Carme.

O venres ás 19:30 horas poderase desfrutar de “Inchadiña Branca Vela” no Paseo do Espolón e ás 21:30 horas ‘Píscore’ presentará “Concerto Confusión” no Campo de fútbol do Souto. E, posteriormente, a partir das 23:00 horas as rúas de Padrón vibrarán ao ritmo das charangas ‘O Santiaguiño’ e ‘Os Celtas’. Está previsto que a música non pare ata as 02:00 horas.

O venres 24 e o sábado 25 de xullo tiveron que suspenderse os concertos e outras actividades previstas como a carreira de burros ou as organizadas por Asnot e Open Air en colaboración co Concello para a tradicional festa do Santiaguiño. Se ben, o sábado celebrarase igualmente unha procesión coa imaxe do Santiaguiño a partir das 11:00 horas, despois das bombas de palenque que lanzaran ás 10:30 horas. Os grupos de gaiteiros ‘O Pedrón’, ‘Rosalía de Castro’, ‘San Pedro de Carcacía’ e ‘A Arreixeira’ acompañan á procesión. Posteriormente, ás 12:00 horas, de volta na igrexa parroquial celebrarase a eucaristía. Tras finalizar os grupos folclóricos percorreran as rúas de Padrón coa súa música. Pola súa parte, a Asociación Cultural Asnot promoverá actividades online ao longo de toda a semana. O broche final a este programa de xullo correrá a cargo da Banda Municipal que ofertará un concerto o domingo 26 no Campo de fútbol do Souto a partir das 20:30 horas.

Todas as actividades teñen o aforo reducido, no caso da actividade de ‘Astronomía nas Rutas Xacobeas’ o límite é de 50 persoas, na presentación do libro de Eduardo Rivo só poderán asistir 60 persoas, e aquelas actividades que se desenvolven no Campo de fútbol do Souto estarán limitadas para un máximo de 200 persoas. Ademais é obrigatorio en todo momento o uso de máscaras. A elección do Campo de fútbol do Souto ven motivada polas medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias, a entrada a este espazo establecerase no lado das Pulperías, e a saída realizarase pola N-550.

Comentarios
Lo más