Xullo, mes do #Fotolingua

Xullo, mes do #Fotolingua
Xullo, mes do #Fotolingua

Durante o mes de xullo, o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela convoca a quinta edición do concurso #Fotolingua, cuxo obxectivo principal é o de sumar maior visibilidade aos negocios que se comprometen co uso do galego. 

O concurso está aberto á participación do público en xeral. As persoas interesadas en participar deben subir nas redes sociais do #Fotolingua (Facebook e Instagram) fotografías orixinais que capturen elementos da paisaxe comercial nos que se amose o uso do galego (letreiros, escaparates, carteis, sinalizadores, catálogos, etiquetaxe, menús...). As imaxes irán acompañadas dos cancelos #fotolingua#establecementoengalego#ogalegovende e #engalegofaiadiferenza e incluír a seguinte información: de que negocio se trata, onde está e destacar algún aspecto da súa oferta, servizo, etc. Pódense enviar cantas fotos se desexe.

Entre as persoas que participen enviando as súas imaxes sortearanse dúas tabletas de última xeración, unha por categoría: á imaxe que obteña máis «gústame» en Facebook ou «likes» en Instagram na súa publicación orixinal e á imaxe que sexa seleccionada pola organización atendendo á súa capacidade para transmitir os obxectivos do concurso, ben porque logra captar algún uso do galego creativo e orixinal, ben polo coidado na elaboración da foto.

Unha novidade desta convocatoria é a posibilidade de participar, ademais, nun sorteo de 100 euros para gastar en establecementos colaboradores que se sortearán entre todas as persoas que envíen resolto o pasatempo que inclúe o material publicitario do concurso e que se atopa distribuído en comercios e establecementos hostaleiros e nas redes sociais do concurso.

Con esta iniciativa, o Concello de Santiago de Compostela quere contribuír a que se valore a oferta comercial compostelá e promover un intercambio de servizos. Como veciños e veciñas, podemos darlles publicidade nas redes aos establecementos que satisfán as nosas expectativas, tamén lingüísticas, e premiar así o seu compromiso e o seu servizo. Nos servizos comerciais non é indiferente a escolla lingüística, que pode significar un plus que moita veciñanza valora, un xeito de identificarse, diferenciarse da oferta foránea e de conectar e achegarse á clientela.

Na páxina web do Departamento de Lingua poden consultarse as bases completas. 
Comentarios
Lo más