Hostalaría de Compostela considera restritiva a interpretación sobre o uso da máscara nos locais

Hostalaría de Compostela considera restritiva a interpretación sobre o uso da máscara nos locais
Hostalaría de Compostela considera restritiva a interpretación sobre o uso da máscara nos locais

A Asociación reclama que o tempo que os clientes estean sentados á mesa sexa equivalente ao exclusivo da consumición

A Asociación Hostalaría Compostela lamenta todos os problemas e confusións que está supoñendo para a clientela de bares e restaurantes a interpretación da nova normativa da Xunta de Galicia que obriga a utilizar a máscara nos locais excepto durante o tempo exclusivo de consumo, tal e como expresa nun comunicado. 

A entidade considera que esta medida non é susceptible de poder cumprirse. "Pensar que alguén pode estar comendo e retirando a máscara para meter o bocado na boca e posteriormente volver a colocala, demostra a falta de capacidade de entender a realidade. Reclamamos que se retome esta interpretación e que se considere o tempo exclusivo de consumición mentres esta non se remate, da mesma maneira que excluír a obrigatoriedade do uso da máscara durante o tempo da comida". 

Hostalaría recorda que os locais están obrigados e cumpren ademais unhas estritas normas de distanciamento físico entre mesas, o que garante a seguridade entre persoas que non pertencen ao mesmo grupo. A Asociación destaca tamén que as trabas de consumo no interior e exterior dos locais levan a optar por outro tipo de xuntanzas en espazos privados onde non hai ningún tipo de control, como son as comidas familiares en domicilios privados que están a ser unha das principais causas das repuntas da COVID 19.

"Lamentamos as inspeccións que en varios lugares se están a dar con esta interpretación restritiva e que de ser de maneira xeneralizada abocan o sector ao peche definitivo, sector que lembramos, representa o 20% do noso PIB e que xa está enormemente damnificado". “Facemos un chamamento a regular un máis que necesario equilibrio entre a seguridade sanitaria, a nosa, a dos nosos equipos de traballo e a da nosa clientela, e a posibilidade do mantemento dos nosos negocios, para manter así os postos de traballo que xeran e poder facer fronte aos impostos que pagamos”, sinalan na Xunta Directiva. 

Comentarios