O alcalde de Noia comproba o bo ritmo das obras na lonxa do Testal, que estarán listas para o inicio da campaña marisqueira

O alcalde de Noia comproba o bo ritmo das obras na lonxa do Testal, que estarán listas para o inicio da campaña marisqueira
O alcalde de Noia comproba o bo ritmo das obras na lonxa do Testal, que estarán listas para o inicio da campaña marisqueira

O alcalde de Noia, Santiago Freire, achegouse a comprobar a marcha das obras de remodelación e ampliación da lonxa do Testal, confirmando que “continúan a bo ritmo para estaren listas para o inicio da campaña marisqueira”. Uns traballos que está a executar a empresa Tragsa e que contan cun orzamento próximo aos 600.000 euros.

“É unha actuación moi necesaria que vai redundar na mellora do traballo de mariscadoras e mariscadores, xa que corrixe algunhas eivas do edificio actual en cuestión de impermeabilidade, illamento térmico e distribución de espazos”, apunta o alcalde noiés, que salienta que “tamén contempla elementos novidosos que permitirán a visualización do procedemento de subasta”.

As obras contemplan a reforma da cuberta e das paredes do inmoble, acometendo melloras destinadas a mellorar a súa impermeabilización e illamento térmico. Tamén se contempla a instalación dun pequeno graderío dende o que os turistas poderían observar os procesos de clasificación, transformación e subasta do berberecho noiés.

Ata o momento, Tragsa xa ten realizado traballos de saneamento e eliminación de humidades nas instalacións, así como tarefas de mellora do illamento térmico, mellora do alumeado e redistribución de espazos. Unha redistribución que busca mellorar as condicións laborais dos profesionais que utilizan estas instalacións, xa que serán máis cómodas.

Comentarios
Lo más