Rois clausura o Diververán de xullo con maxia e máis de 80 nenos no polideportivo de Urdilde

Rois clausura o Diververán de xullo con maxia e máis de 80 nenos no polideportivo de Urdilde
Rois clausura o Diververán de xullo con maxia e máis de 80 nenos no polideportivo de Urdilde

Cada un dos participantes leva como recordo unha gorra

Os máis de 80 nenos que durante o mes de xullo participaron no Diververán acudiron esta mañá ao polideportivo de Urdilde para participar no acto de clausura, unha festa na que a maxia e os animais mariños foron os protagonistas.

Da maxia encargouse o Mago Teto, que fixo rir e participar a moitos dos asistentes. Os animais mariños déronlle nome aos diferentes grupos nos que se distribuíron os participantes: estrelas de mar, cangrexos, cabaliños de mar, tiburóns, baleas, golfiños, tartarugas ou medusas.

Ata o polideportivo achegáronse tamén o alcalde, Ramón Tojo, e o tenente de alcalde, Manuel dos Santos, que agradeceron a participación do alumnado nun Diververán especial. Este ano celebrouse en tres localizacións diferentes: no colexio dos Dices, en Urdilde e en Sorribas para cumprir coa normativa de loita contra a covid-19.

Os 83 nenos e nenas que durante o mes de xullo participaron no Diververán (nalgunha das dúas quendas) levan como recordo unha gorra conmemorativa.

Tamén este ano por primeira vez, o Concello de Rois vai organizar o Diververán no mes de agosto, para colaborar con aquelas máis familias que precisan medidas de conciliación. En agosto serán 22 nenos e nenas os que repitan no Diververán (todos e todas participaron xa no mes de xullo) para gozar das moitas actividades que se van realizar en Urdilde, distribuídos en dous grupos.

Comentarios