A USC obtén unha medalla e dúas mencións de honra na International Mathematics Competition

A USC obtén unha medalla e dúas mencións de honra na International Mathematics Competition
A USC obtén unha medalla e dúas mencións de honra na International Mathematics Competition

O equipo Sementeira, da Facultade de Matemáticas, é o primeiro da Universidade en presentarse para competir na citada proba, considerada a competición matemática internacional por excelencia para estudantes universitarios

O equipo Sementeira da Facultade de Matemáticas da USC, conformado polos estudantes Javier Guillán Rial, Sergio Herrero Vila, Ángel Morcillo Gómez e Miguel Picos Maiztegui, vén de acadar unha medalla de bronce (Sergio) e dúas mencións de honra (Javier e Miguel) na International Mathematics Competition (IMC). Está considerada como a competición matemática internacional por excelencia para estudantes universitarios, que é celebrada anualmente dende 1994, habitualmente no país de Bulgaria. Non obstante, por mor da situación sanitaria, este ano foi realizada de xeito telemático.

Esta é a primeira ocasión na que a USC presenta un equipo para competir na citada proba, na que participaron máis de 560 estudantes universitarios de todo o mundo. Ademais, cada equipo debe contar cuns líderes que tomarán parte no proceso de corrección das probas. No caso da USC foron os ex-alumnos da Facultade Daniel Cao Labora e David Mosquera Lois. Ambos salientaron “a dificultade das probas e o magnífico resultado que supoñen os recoñecementos obtidos polos nosos participantes, máxime tratándose da primeira participación da USC no citado evento”. Ambos esperan que a USC teña representación nas edicións futuras da IMC, así como participacións destacadas, que incrementan a visibilidade da Universidade e amosan o alto nivel do alumnado.

Tanto Daniel coma David destacan e agradecen o traballo e dedicación ás olimpíadas matemáticas por parte do profesor da Facultade Felipe Gago Couso, promotor e coordinador das iniciativas Sementeira e a Olimpíada Matemática Galega, espazos nos que se fomenta o goce pola resolución de problemas matemáticos. En particular, os integrantes do equipo deste ano na IMC comezaron a participar en Sementeira dende a súa formación hai tres anos. Pola súa banda, a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cedón, agradece o labor do equipo de Sementeira e o traballo desenvolvido polos participantes na proba. Asemade, valora moi positivamente a acción de patrocinio que a Facultade asumiu con esta iniciativa, como anticipou na última Xunta de Facultade antes de coñecer os resultados.

Comentarios