Dez propostas de actuación para o desenvolvemento sostible do Camiño de Santiago-Vía da Prata a escala local

Dez propostas de actuación para o desenvolvemento sostible do Camiño de Santiago-Vía da Prata a escala local
Dez propostas de actuación para o desenvolvemento sostible do Camiño de Santiago-Vía da Prata a escala local

O Grupo de Análise e Modelización Económica elaborou un informe, froito dun convenio con CES-Galicia e a Deputación de Ourense, que busca dinamizar o Camiño de Santiago-Vía da Prata

Elaborado polo Grupo de Análise e Modelización Económica da USC (GAME), o informe ‘Avaliación e análise do potencial do Camiño de Santiago-Vía da Prata para o desenvolvemento sostible a escala local’ achega un conxunto de propostas de actuación que buscan facilitar a toma de decisión cara unha mellor ordenación e dinamización de Galicia no relativo ao Camiño de Santiago, entendido como un eixo vertebrador.

Os detalles do informe, desenvolvido ao abeiro dun convenio entre CES-Galicia, a Deputación de Ourense e a USC, presentounos este xoves o profesor Melchor Fernández, coordinador do traballo xunto a Dolores Riveiro, do Departamento de Fundamentos da Análise Económicas da USC, nun acto celebrado no Mosteiro de Oseira (Ourense). Nel tamén participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o presidente de CES-Galicia, Agustín Hernández; o presidente da Deputación, Manuel Baltar; e o alcalde de Cea, José Luís Valladares.

Liñas de actuación
Como explicou Melchor Fernández, os resultados da investigación foron sintetizados nun conxunto de dez liñas de actuación para dinamizar o Camiño, en xeral, e a Vía da Prata en particular. En primeiro lugar, o equipo de especialistas encargados do traballo recomendan a colaboración entre concellos e administracións públicas para abordar de xeito planificado todos os ámbitos vencellados á ruta, así como crear unha ferramenta de planificación e dirección estratéxica para o desenvolvemento de actuacións público-privadas que dean cobertura á década xacobea que comeza no 2021.

No ámbito educativo, apóstase por un plan de formación sobre o Camiño en escolas, institutos e administracións, con especial atención á poboación local, e pola creación dun centro de interpretación da Vía da Prata na provincia de Ourense dirixido a peregrinos, poboación local, estudantes e visitantes. Outra suxestión desta guía é a definición dun plan de comunicación e transferencia de información relevante para o peregrino, que responda ás preguntas frecuentes e proporcione información actualizada e de utilidade sobre a realidade da Vía da Prata en varias linguas. Para este fin, a investigación identifica diversos perfís de peregrino (ciclista, de proximidade, experto ou grandes grupos, entre outros) aos que ofrecer información o máis personalizada posible.

Outras recomendacións implican a re-configuración de etapas, a incorporación de xestores-guías, promover a cidade de Ourense como punto de inicio para peregrinos con limitación temporal (rutas de 5-6 días) e crear un plan de apoio para que PEMEs e autónomos impulsen novos produtos e novas tendencias vinculadas as diferentes áreas de produción protexida vinculadas a Vía da Prata.

A metodoloxía empregada nesta investigación combina a análise da opinión dos axentes implicados, información estatística oficial e novas ferramentas analíticas, así como a evolución do número de peregrinos que escolleron facer o Camiño pola Vía da Prata fronte o resto de opcións entre 2010 e 2019.

Comentarios
Lo más