Últimas prazas dispoñibles para participar na quinta quenda do Verán CampUSC 2020

Últimas prazas dispoñibles para participar na quinta quenda do Verán CampUSC 2020
Últimas prazas dispoñibles para participar na quinta quenda do Verán CampUSC 2020

A derradeira quenda desta iniciativa, que este ano acolle a grupos reducidos segundo as indicacións das autoridades sanitarias, terá lugar do 1 ao 9 de setembro

Verán CampUSC 2020, a iniciativa organizada pola Fundación Universidade de Santiago de Compostela e que ten o obxectivo de conciliar a vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral, remata o vindeiro 9 de setembro, ao finalizar a quinta quenda deste ano. A edición rexistrou polo de agora un total de 368 inscricións divididas nas cinco quendas nas que se estrutura o programa, e aínda é posible anotarse para a última.

O Verán CampUSC 2020 está dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 17 anos e estruturado en cinco quendas dotadas con 120 prazas cada unha. O programa desenvólvese de luns a venres, agás festivos, de 08.45 a 14.45 horas, polo que a responsabilidade do control e coidado dos participantes polos monitores e monitoras responsables comprenderá esa franxa horaria. Ao alumnado asígnaselle un monitor ou monitora responsable de cada  grupo, que vela polo respecto das medidas de distanciamento interpersoal e por evitar aglomeracións.

Rocío Bulnes, coordinadora do programa, destaca que esta foi unha edición moi diferente ás anteriores, con “grupos moi reducidos, actividades con moi pouco contacto e obradoiros sobre hixiene relacionada coa COVID-19, pero os rapaces e rapazas están pasándoo moi ben”. De feito, a maior parte das inscricións que chegan a última hora “son de nenos e nenas que queren continuar algunha quenda máis das que tiñan previsto inicialmente”, engadiu.

Protagonismo da actividade físco-deportiva

No Verán CampUSC as actividades físico-deportivas son o eixo principal, pero os máis pequenos as traballarán a través de xogos tradicionais, do mundo, a expresión corporal e practicando tamén habilidades básicas coma os xiros, o equilibrio ou incluso as emocións. Este ano, outra actividade protagonista para eles foi a de crear hábitos de hixiene relativos á COVID-19. Nas actividades dirixidas aos rapaces e rapazas maiores destacan os deportes alternativos coma o ultimate, quidditch, jugger ou dodgeball, aínda que tamén hai sitio para os tradicionais coma o fútbol ou o atletismo. Facer proveito do entorno natural que rodea o Campus Vida é común a pequenos e maiores, con saídas ao río Sarela ou a Granxa do Xesto, no Pedroso. 

Comentarios